O acondicionamento do seu contorno e a instalación dunha iluminación ornamental completaron o proceso de renovación dunha parte dos xardíns da estación do tren de Parga, onde xa lucía dende hai un tempo unha nova e simbólica peza escultórica obra de Xabier Quijada.
Tallada nunha única peza de granito de Parga que ronda os dous metros de altura, a creación artística inclúe todos aqueles elementos que para o seu autor son representativos da vila. "Quería que representase o pobo de Parga, así que incluín a ponte do río, a vía do tren, o cano da fonte de Valdobín, a torre do castelo, unha folla de carballo que simboliza a carballeira e a parte de arriba é unha muller cunha cesta que vai á feira", detalla Quijada sobre unha escultura que tivo unha gran acollida entre a veciñanza.
"Todos me dixeron que lles gustara, que estaba moi guapa", apunta o canteiro, natural de Begonte e afincado en Guitiriz, que nada máis recibir o encargo por parte do Concello tiña claro que a obra que deseñase debía "incluír os elementos máis senlleiros de Parga", unha idea compartida polo goberno local.

"Queriamos algo representantivo de Parga e iso foi xusto o que fixo Quijada", di a alcaldesa, Marisol Morandeira, que lembra que, logo de comprobar o "mal estado" no que se atopaba a fonte que había nos xardíns "resolveuse quitala". Estudaron entón que colocar no seu lugar e finalmente decidíronse por unha escultura, "seguindo a liña de colaboración e de posta en valor do traballo dos artistas locais", precisa a alcaldesa guitiricense.
Casa do Concello
Froito deste mesmo desexo de darlle visibilidade as creacións dos artesáns locais xurdía tamén a iniciativa de adquirir varias das súas obras para decorar a casa do concello logo da súa renovación.
Quijada achegou dúas pingas de auga feitas de toelo –tipo de pedra propia de Moeche– e outras dúas esculturas de granito feitas na pandemia que, segundo explica o propio autor, simbolizan o que se botaban en falta as apertas e o contacto humano.
Tamén se incluíron na nova decoración cadros de Jorge Alba González e de Pili Iglesias e agora, segundo avanza Morandeira, nesta mesma liña de traballo, estase a preparar un novo proxecto co canteiro Ramón Villar.