A Quenlla prepara un disco con poemas musicados de Avelino Díaz

O traballo, que busca dar a coñecer as composicións dun autor «digno de destacar», incluirá unha ducia de temas deste emigrante nado en Riotorto, un deles gravado pola banda Ith
Integrantes do grupo A Quenlla. EP
photo_camera Integrantes do grupo A Quenlla. EP

O grupo A Quenlla está traballar na preparación dun disco monográfico con poemas musicados de Avelino Díaz, unha proposta xurdida no marco dos actos de posta en valor e recuperación da figura do coñecido como Poeta de Meira, para o que se pide que se lle dediquen as Letras Galegas.

"A primeira persoa que me falou del foi Anisia Miranda, e despois Xosé Neira Vilas; coñecérono, foron amigos del e foron os que me contaron que este señor fixera un libro con 14 poemas dedicados a Castelao, co que tiña unha relación de amizade", conta Mero Iglesias sobre como descubriu a figura de Avelino, "un home cun pensamento ideolóxico moi avanzado para a súa época" e, sobre todo, a súa escrita: "Ten poemas dignos de ler e é un autor digno de destacar", conclúe.

"Din co libro sobre Castelao e con outros e sorprendeume a nitidez que tiña para certos sentimentos que son difíciles de meter nun poema", lembra, facendo fincapé nese "sentimento fondo de amor á terra" que transmite a obra do autor, nacido na Órrea (Riotorto) en 1897, e que de mozo residiu en Meira para logo emigrar a Arxentina, onde morreu no ano 1971.

"É moi bo, moi destacable e hai que dalo a coñecer", incide Mero, apoiando as distintas iniciativas levadas a cabo polo colectivo Avelino Díaz, integrado tanto polos concellos como por outras entidades para recuperar a súa obra e o seu legado e que nos anos que levan traballando xa conseguiron fitos como poñerlle o seu nome ao colexio meirego. Mais, como lembra Mero, xa antes houbo quen se fixou e escribira sobre el, coma as Brigadas na Defensa do Patrimonio Chairego ou Maribel Freire.

Mero Iglesias fai fincapé no "sentimento fondo de amor á terra" dos textos do coñecido como Poeta de Meira, un escritor "moi bo"

"Sumando vontades", di Mero, pódese lograr ese obxectivo común. E os integrantes da Quenlla —Paloma Suances, Tania Capón, Yaiza Seixo, Álvaro Cardalda, Manolo Dopico e Mero— xa están a ensaiar para darlle forma a un disco que incluirá unha ducia de temas cos que buscarán honrar a ese "personaxe máxico" que Avelino creou poeticamente cada vez que escribía sobre as súas raíces.

"A primeira poesía del á que lle fun debuxando a música foi a un zéjel, que é unha estrutura métrica andaluza, que el colleu e adaptou en A Galicia lle hei cantar con verbas de namorar", lembra Mero, que explica que esta será unha das cancións do disco, que tamén incluirá Compostela —a máis avanzada nos ensaios—, Miña amiga ou Río Miño, un "canto precioso sobre o nacemento do Miño no Pedregal".

"Cando teñamos catro ou cinco temas listos, gravaremos, e logo prepararemos outro bloque", explica Mero Iglesias, que avanza que tamén esperan contar con colaboracións.

Así, a banda de rock Ith fixo unha adaptación e unha pregravación do poema Soma esvaída e hai varias das composicións "que se prestan para a orquestración coral", polo que esperan contactar con algunha coral luguesa para ver se é factible contar coa súa colaboración na montaxe da peza.

Dadas as circunstancias actuais, os prazos que se marcan para ter listo o disco son "inevitablemente inestables", mais na Quenlla confían en poder renderlle ao Poeta de Meira a homenaxe que merece.

Comentarios