Quen eran os nosos veciños?

UNHA VIAXE NO TEMPO ▶ Os 223 alumnos do Ceip Veleiro Docampo de Castro de Ribeiras de Lea e os seus mestres traballan este curso nun proxecto en colaboración co Museo do Castro de Viladonga, a través do que se busca que os pequenos estudantes profunden mediante distintas actividades na historia da zona e dos seus antigos habitantes.

Visita dos escolares de primeiro de primaria, que traballan sobre a vivenda, ao castro. C. PÉREZ
photo_camera Visita dos escolares de primeiro de primaria, que traballan sobre a vivenda, ao castro. C. PÉREZ

Quen vivía no Castro de Viladonga? Que comían? Como se vestían? Que xoias levaban? En que traballaban? A estas e a outras preguntas procura dar resposta o proxecto que desenvolven o Ceip Veleiro Docampo de Castro de Ribeiras de Lea e o Museo do Castro de Viladonga, dando un salto no tempo duns 2.000 anos para introducir os pequenos estudantes na vida deses vellos veciños.

No colexio, que este ano entrou no plan de mellora de bibliotecas escolares, buscaban un proxecto que servise de eixe para todas as actividades do centro, e pensaron naquilo que identifica ao concello ata no seu nome, os castrexos. O paso seguinte foi falar co museo, e deuse a casualidade de que neste xa tiñan una proposta didáctica ideada o ano pasado para outro colexio que finalmente non chegaría a levarse a cabo. Agora si.

A fase inicial, na que están a traballar, consiste en que os 223 alumnos do centro visiten o xacemento e realicen obradoiros que lles permitan profundar no coñecemento dos castrexos. Despois, no colexio, iranlle dando forma a un traballo conxunto que amose todo o aprendido ao longo desta convivencia cos castrexos.

Por grupos, todo o alumnado vai ir pasando polo castro para familiarizarse coa temática que lles tocou investigar. Así, contan con sete materias principais, adaptadas á idade de cada curso, que se desenvolven a través de obradoiros, da proxección de vídeos e de visitas ás salas do museo, para identificar que restos foron atopados nas escavacións feitas en Viladonga relacionados con aquilo que investigan.

Os máis pequeniños, os de tres anos, foron os primeiros en visitar Viladonga, onde se centraron en coñecer a alimentación dos castrexos. No museo puideron coñecer que animais servían para o consumo humano ou que sementes se empregaban, ademais de probar por si mesmos o funcionamento dos muíños circular e raviforme empregados polos seus antergos.

O resto do alumnado de infantil, os de catro e cinco anos, teñen o vestiario como eixe central. Os tecidos que se empregaban, técnicas coma o fiado ou o uso de fíbulas, fibelas ou botóns son algúns dos aspectos que traballaron nun taller e identificaron nos expositores do museo.

Recortables para pintar de casiñas castrexas servíronlles aos de primeiro de primaria para introducirse no tema da vivenda, profundando na forma das estruturas, nos materiais usados na construción ou mesmo nas chaves que había hai dous milenios.

Un clásico de Viladonga, o obradoiro de cerámica, serviralles aos estudantes de segundo de primaria para coñecer un dos oficios daquela época, xunto a broncistas, ferreiros, tecelás, carpinteiros ou canteiros.

Terceiro e cuarto de primaria mergullaranse no coñecemento das crenzas e dos xogos que practicaban tanto os nenos coma os maiores de antano, buscando semellanzas con prácticas da época actual.

E quen non oíu falar dos torques? Son moitos os restos que confirman a relevancia que tiñan as xoias para os castrexos, polo que os escolares de quinto de primaria reproducirán con recortables estas pezas ou arracadas, ademais de poder ver nas salas algún dos achádegos desenterrados no castro.

Por último, os de sexto de primaria investigan sobre outras das pezas que se atopan con regularidade nas excavacións, as moedas, e o seu significado dentro da economía do castro. Saberán como se cuñaban, como se poden catalogar e os usos que tiñan nunha época na que os castrexos conviviron cos romanos.

Todos levan consigo algún elemento relacionado coa súa área temática e diverso material divulgativo, útil para aplicar todo aquilo que fan no centro, onde todas as actividades se relacionan coa temática castrexa. Así, por exemplo, xa fixeron un magosto celta.

Preparan ademais unha colaboración co Ceip Nantes de Sanxenxo, que este curso desenvolve un traballo sobre a auga. Segundo explican dende o centro, prevén intercambiar datos, xa que Castro de Rei é un concello con moitos recursos acuíferos, coma o río Miño ou a Lagoa de Caque, dos que lles poden ofrecer datos, mentres que preto do colexio pontevedrés está o Castro da Lanzada, que lle achegará información complementaria á historia daqueles veciños de Viladonga que viviron hai case 2.000 anos a apenas dez quilómetros do Ceip Veleiro Docampo.

Comentarios