Quen era García Rodríguez, o das Pontes?

Un cómic elaborado por Delio Rodríguez, Ismael Blanco e Lois Gómez resposta a esta pregunta, que é unha incógnita para a maioría ►A obra conmemora o 650 aniversario da entrega, por parte do rei Henrique II, da vila do Eume ao cabaleiro que pasou a darlle nome
Sinatura de exemplares na Casa Dopeso. C. PÉREZ
photo_camera Sinatura de exemplares na Casa Dopeso. C. PÉREZ

Quen era García Rodríguez? A esta sinxela pregunta, e ao mesmo tempo tan complicada, tentou dar resposta o Concello das Pontes. O 650 aniversario daquel momento no que o nome da vila das Pontes de Hume (Eume) quedaba vencellado ao do cabaleiro medieval García Rodríguez de Valcarce e Valboa por obra e graza do rei Henrique II serviu de escusa e de motivación extra para botar a vista atrás, empaparse de historia e darlle forma á resolución do que para a maioría era unha gran incógnita a través das páxinas ilustradas das banda deseñada Venturas e desventuras do cabaleiro García Rodríguez, o das Pontes.

"Non sei se este é o anaco máis importante da nosa historia pero si que é o que marca un antes e un despois", dicía a concelleira de medios locais, Lorena Tenreiro, na presentación da obra na Casa Dopeso, ao tempo que lembraba que tanto Vicente Roca, edil de cultura, coma ela querían facer "algo especial" para conmemorar "unha data tan significativa e descoñecida para os ponteses", o 30 de setembro de 1371.

Ese foi o día no que o rexente, nas Cortes de Toro, lle facía entrega a García Rodríguez do señorío da Vila das Pontes de Eume "como recompensa e agradecemento polo teu servizo, fidelidade e sacrificio na miña causa", segundo se recolle nunha das viñetas do cómic.


Sabía que... O cabaleiro casou con Inés Fernández e tiveron tres fillos, Pedro, Constanza e Leonor?
Cómic García Rodríguez. EP - Interior

O cómic inclúe un apartado de Sabías que... no que se ofrecen datos sobre As Pontes, como que era lugar de paso de peregrinos, e sobre a liñaxe de García Rodríguez. Era fillo de Xoán Freire de Andrade e de Constanza García de Valcarce, casou con Inés Fernández, da casa de Moscoso, e tiveron tres fillos: Pedro, Constanza e Leonor García de Valcarce.

O documento que acredita tal feito histórico –a Real Academia de Historia cedeulles unha copia deste do século XVI– foi un dos moitos que atoparon na súa extensa investigación as tres persoas encargadas de darlle vida á historia de García Rodríguez.

Cultureume asumiu a materialización dun traballo no que Delio Rodríguez –encargado da ilustración e da maquetación, é tamén o autor do mural sobre a lenda do Eume do As PontesEnPezas–, Lois Gómez –responsable da documentación histórica– e Ismael Blanco –coordinador e coautor do guión con Lois e Delio– puxeron todo da súa parte para que a obra fose o máis rigorosa posible nos momentos históricos recollidos, na caracterización das personaxes ou nos escenarios –hai tres principais, Nájera, Toro e As Pontes–, aínda que polo camiño se tomasen algunha que outra licenza creativa, incluíndo tamén un toque humorístico.

A elección da banda deseñada non foi casual, pois pensaron que era o "formato ideal para chegar ao 100% da poboación" e así "acabar co descoñecemento social de por que nos chamamos As Pontes de García Rodríguez", explicaba Ismael, ao tempo que Lois daba conta de obras que usaron como referencia –Enrique Rivera Rouco, César Candelas, Alfredo Eiras, Xosé Lamigueiro e Fernando Urgorri figuran na biografía– nun traballo que ten "vocación de divulgación".

"Son debuxos a man sobre papel con lapis e logo dixitalizados", indicaba Delio, detallando o proceso de documentación e de creación para acadar o que Lois definía como un "traballo gráfico impresionante", no que tamén houbo que encher ocos coa opción máis probable se non había referencias ou mesmo fotos, coma as da vila a comezos do século XX.

A necesidade de condesar máis de seis séculos en apenas 25 páxinas ilustradas obrigou a seleccionar exactamente que querían contar, e apostaron por dúas épocas históricas moi concretas. Por unha banda, o século XIV e o enfrontamento entre Pedro I e Henrique II, especialmente a batalla de Nájera, onde García Rodríguez caeu preso a mans de Pedro I, que gañaría esa contenda pero logo perdería a guerra. Pola outra, o XVIII, no que se sabe que o humanista José Cornide visitou As Pontes, dando conta da existencia dunha veta de carbón.

O resto é tradición oral, lenda e historia. Un conto de lareira que Eula conta coma ninguén.