En que queres converter a túa cabaza?

Os concursos de decoración foro un dos grandes atractivos da celebración do Samaín nas comarcas de Terra Chá e de Meira e nas Pontes
Exposición de cabazas en Vilalba. M.ROCA
photo_camera Exposición de cabazas en Vilalba. M.ROCA

A festa máis terrorífica do ano segue a xerar adeptos e, malia ás restricións que aínda se manteñen, foron moitos os que non quixeron deixar pasar a oportunidade de decorar a súa cabaza, de ataviarse para a ocasión ou de degustar algún manxar propio da época, coma as castañas.

Uns dos que máis se meten de cheo na celebración do Samaín son os escolares, e unha vez máis os centros educativos volveron vestirse con teas de araña, pantasmas, bruxas, morcegos para transformarse en casas encantadas para o goce do alumnado (e tamén do profesorado).

As anpas tamén se apuntaron a festexar este día tan sinalado. A do Ceip de Xermade conxuntamente co Concello, promoveu unha festa infantil con pintacaras, xogos, música, merenda e concursos de cabazas e de disfraces, no que houbo 65 participantes. E nas Pontes, a coordinadora de anpas Abrente recuperou o certame de decoración de cabazas, que contou cunha alta participación, sumando preto dun cento de deseños e auténticas obras de arte en competición que lle puxeron ben difícil o traballo do xurado.

Os gañadores foron Carolina Veiga da Silva, da escola infantil A Barosa; Martina Rego Paz, na categoría infantil; José Manuel Fresco, do Ceip A Fraga, entres os escolares de primeiro a terceiro de primaria; e Mateo Rego Paz, do Ceip A Magdalena, nos de cuarto a sexto de primaria. En Eso e FP Básica gañou Sara López Castro, do IES Castro da Uz. Ademais, houbo accésits na categoría de primeiro a teceiro de primaria, a de máis participación, para Ainhoa Aneiros Ferreira ( Ceip A Magdalena), Alicia Ardura Antón (Ceip A Fraga) e Jimena Martínez Tojeiro ( Ceip A Magdalena).

En Vilalba, foi o voto popular o que decidiu que creacións eran merecedoras de facerse cos premios outorgados polo Concello no concurso Pinta e crea a túa cabaza de Samaín, que sumou case medio cento de propostas expostas na Praza da Constitución. Rexistráronse 150 votos, que serviron para decidir quen se facía cos vales de compra para mercar no comercio local que se entregaban como premio, ademais dun diploma.

Na categoría infantil, as mellores cabazas foron as decoradas por Lucas Bello, Judith Cebreiro e Breixo Pernas. Susana Cendán, Lourdes Matovelle e Sandra Prieto fíxeronse cos galardóns en adultos, mentres que na categoría artística as cabazas que máis sorprenderon foron as decoradas por Iria Castro e por Clara Naseiro.

As propostas vilalbesas para conmemorar o Samaín completáronse cun obradoiro de lectura na biblioteca municipal para coñecer as orixes desta festa celta da man da Bruxa Catuxa e da Paiasa Tati, e o contacontos Historias con susto para durmir a gusto, a cargo de Rilo&Penadique