Punto de encontro con libros para todos

A poeta Luz Airado inaugurou co seu pregón a II Feira Vilalé, no que destacou que é "marabilloso" atopar as obras na rúa
Luz Airado (terceira pola dereita) coas autoridades e Ramón Domínguez (á dereita), antes do pregón. C.PÉREZ
photo_camera Luz Airado (terceira pola dereita) coas autoridades e Ramón Domínguez (á dereita), antes do pregón. C.PÉREZ

"É marabilloso atopar os libros na rúa", aseguraba a poeta vilalbesa Luz Airado Bello no pregón que servía para inaugurar a II Feira do Libro Vilalé, a primeira conxunta coa Federación de Librarías de Galicia. E non o dicía só polas librerías presentes na Praza da Constitución dende onte ata o domingo, senón tamén polo feito de que, grazas a "anos de educación e de transformación social" e a un "gran traballo colectivo" de xeracións precedentes, hoxe os libros están ao alcance de calquera e non "pechados nos palacios, nos grandes conventos, nas bibliotecas das casas nobres..." como o estiveron durante séculos.

A escritora dixo que lle facía "especial ilusión" ser a pregoeira na súa vila natal, "nesta Chaira de libros e de casetas", que quere acoller "a grandes e a cativos, á xente de aquí e a xentes de paso que temos na vila e a todos os homes e as mulleres que poñen o seu talento en todos os oficios do libro".

Airado destacou que o libro de papel "segue vivo" fronte ás novas tecnoloxías e animou aos asistentes a autoagasallarse e a agasallar, a atopar páxinas cheas de historias, de versos, de coñecemento, de humor, ás veces xunto a debuxos ou fotos, "nun perfecto baile das artes". E aproveitou tamén para pedirlle ao público que se detivese nos libros das autoras, que agora figuran "con nomes e apelidos, sen seudónimos, intentando deixar atrás tantos séculos de escritoras silenciadas".

A intervención de Airado estivo precedida da dos responsables das institucións que fan posible a cita: a Federación de Librarías de Galicia, o Concello de Vilalba, a Xunta e Vicepresidencia da Deputación de Lugo, cuxa responsable, Maite Ferreiro, tivo que marchar antes do acto inaugural, mais destacou que este tipo de iniciativas "achegan os libros ao público e ofrecen unha gran visibilidade a librerías, autores, autoras e editoriais".

Nesta idea incidiu o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen fixo fincapé en que as citas do circuíto de feiras do libro son "puntos de encontro" que posibilitan que interactúen todas as persoas implicadas no proceso de lectura: autor, editorial, libreiro e lector. Indiciu ademais en que estes espazos favorecen a convivencia e o intercambio, sumando ademais o compoñente comercial.

"O libro é o nexo", precisou Lorenzo non só pola cita vilalbesa, senón polas 13 do circuíto de feiras impulsadas pola Federación de Librerías de Galicia co apoio da Consellería de Cultura, que comezaba en abril en Ferrol, xa pasou por Lugo e terá outras tres convocatorias na provincia, tamén co apoio da Deputación: en Viveiro do 12 ao 15 agosto, en Foz do 18 ao 21 e en Monforte do 24 ao 27, na que será a última feira de 2022.

O presidente da federación, Ramón Domínguez, quixo destacar a vintena de propostas que ofrece o evento vilalbés nesta fin de semana, unha feira, citando a Cunqueiro, con "aires de frol recente", e tamén "especial", xa que en Vilalba, terra de grandes escritores, os libreiros están "coma na casa".

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, quixo destacar o paso dado pola feira nesta segunda edición -a primeira, que foi, dixo, "un éxito", organizouna só o Concello- para converter a localidade na "capital galega das letras" e contribuir así á "promoción da lectura", tal e como xa se fai no día a día dende a biblioteca municipal, presente na feira nunha caseta compartida co Iescha. Na decena postos tamén están a Deputación, co seu servizo de publicacións e as librarías Tótem, Pedreira, Cortizas, Andel, Carlín, Paperix e Pergamino.

PROGRAMA. Este venres celebrouse a Festa das Primeiras Letras, para nenos ata seis anos, con Fantoches Bai e Ghazafellos. Tamén houbo sinaturas de libros de Xesús Rábade Paredes, Xesús Trashorras, Juan Prieto e a pregoeira, mentres que Rodrigo Costoya presentou "Hijos de Gael".

Este sábado a feira abre de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, cun 10% de desconto nos libros. Asinarán libros Finy Sesmonde (Cortizas), María Xosé Lamas (12.00, Carlín), Luis Vázquez Somoza (18.00, Pedreira), Juan Galán (19.00, Pedreira) e Luz Airado (Andel), haberá talleres infantís e actuará Pakolas (17.30).

Comentarios