lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

Puntadas para bordar a vida

Sara Veres, coa súa máquina de coser. C.PÉREZ
Sara Veres, coa súa máquina de coser. C.PÉREZ
A vilarega Sara Veres recibe hoxe, sábado, ás 19.30 horas na Casa Habanera, unha homenaxe popular promovida pola asociación Lareira de Soños e polo colectivo Nova Poesía Guitirica (NPG), en recoñecemento ao seu carácter emprendedor

Camiña cara aos 100, pero a vilarega Sara Veres conserva o mesmo espírito emprendedor que a levou abrir a súa propia tenda con só 25 anos, en 1950, na aldea das Reixas da súa parroquia natal. Fundaba unha mercería que hoxe mantén as portas abertas da man da seguinte xeración. "Eu empecie sen nada, pero foi Deus que me axudou, e Clara do Benedicto tamén", asegura, antes de relatar a historia dunha vida de traballo, esforzo e superación persoal.

Sara nacía o 23 de abril de 1925 nos Vilares, mais con só uns meses de vida emprendía o mesmo camiño ca outros moitos, a emigración. Cruzaba o Atlántico con La Habana como destino e en Cuba viviría ata os catro anos. Tocaba entón volver ás raíces, á casa familiar da aldea dos Ramos, e comezaba a ir a escola do Cancelo: "Miña irmá ía e eu tamén quería ir, a ela non lle gustaba, pero a min si, moito, e fun ata os 14 anos".

"Aínda aprendín", lembra, relatando con nostalxia e con cariño os ánimos que lle daban os seus mestres, don Andrés ou dona Manolita para que estudase. E Sara quería, pero non lle foi posible. As perdas que experimentou a familia naquela época fixeron que tivese que arrimar o ombreiro na casa. Mais ela tiña claro que ese non era o seu lugar.

"Queríame ir e unha veciña falou comigo para ir servir á Coruña, ela ao final non foi, pero eu, que xa aprendera a bordar á man cunha mestra, quería aprender a bordar a máquina e fun", precisa. Compráronlle unha máquina Alfa para que poidese desenvolver este labor, pero ela veu como traballaba a da marca Refrey que tiña Acacia, unha veciña de Guitiriz que tamén as vendía, e gustoulle moito máis, así que vendeu a súa e mercou unha desa marca, que aínda conserva.

Sara Veres aprendeu a bordar dende nena e aos 25 anos abriu unha pequena mercería nas Reixas, que hoxe rexenta a súa filla

Logo de pasar un mes bordando nunha casa de Vilarchán para unha familia que ía marchar a Bos Aires, María, a irmá do escritor Xosé María Díaz Castro, animouna a ir falar con Clara do Benedicto, xa que el deixara a xastrería que tiña nas Reixas para centrarse na trata do gando. "Ela animoume a bordar alí, aproveitando a xastrería, que era un local pequeniño, e foi así tamén como empecei a vender panos e calcetíns, creo que a primeira vez trouxera unhas 500 pesetas en mercadoría".

Clara tiña un bar xusto ao lado e Sara tamén lles axudaba nel, así que cando a eles marcharon para Guitiriz, foi case un paso natural que ela quedase nunha casa que co tempo mercaría, e na que segue a vivir. Casada con Camilo Castro en 1960, entre os dous atendían os dous mostradores, el na taberna, ela na tenda de roupa, dun negocio compartido que pouco a pouco foi medrando: "Tiven sorte, moita, sempre nos defendemos ben, vendía bastante e tamén traballaba bastante, porque tiña xente".

"Ao principio tiña que pagar todo ao contado, pero despois xa me deixaban dous ou tres meses para pagar e tamén fun coñecendo os almacéns e aos viaxantes", precisa, sen esquecer que, como moitas outras mulleres da aldea, compaxinou o traballo coa crianza de tres fillos, Gelín, Nonita e Carlos que, dunha maneira ou doutra, seguiron os pasos dos seus proxenitores.

Ela compaxinou o traballo coa crianza de tres fillos, Gelín, Nonita e Carlos que, dunha maneira ou doutra, seguiron os pasos dos seus proxenitores

A taberna de Camilo, como moitos lle chamaban, pechou hai ao redor de dúas décadas, pero Nonita mantén viva a tenda de Sara das Reixas que está a piques de cumprir 70 anos. E aínda que non no negocio familiar, Gelín e Carlos tamén convertiron en profesión aquilo que mamaron dende pequenos, a hostalaría.

Aos seus 94 anos, e malia aos achaques propios da idade, Sara mantense moi activa. Gústalle pasear, cando o tempo llo permite, e non falta á quedada para xogar ás cartas de cada martes coas amigas. E le. Moito. Encántalle. "Pode botar a tarde lendo o xornal", di a súa filla, coa que vive. Esta vez, é ela a protagonista da noticia. E ben o merece, porque é historia viva dos Vilares. Quen na volta non coñece a tenda de Sara das Reixas?

Homenaxe a Marica Campo e o III Vilariñas
A entrega do VI Premio Trapeira de Honra a Sara Veres, que terá lugar na Casa Habanera de Guitiriz hoxe sábado ás 19.30 horas, faise coincidir no mesmo acto con outras dúas celebracións impulsadas dende a asociación vilarega Lareira de Soños e o colectivo NPG: a entrega de galardóns do III Certame Vilariñas e unha homenaxe á escritora e mestra Marica Campo.
Intervencións
Antón de Guizán, presidente de Lareira de Soños, e a poeta vilalbesa María Xosé Lamas presentarán o acto, que contará coas intervencións de Pas Veres, Luz Campello, Branka Villar, Ánxela Gracián, Emilia Martínez Fuentes, Moncho Bouzas e Pilar Maseda, así como coa actuación de Corredores de Sombra. Tamén está prevista a asistencia dunha representación institucional.
Agasallos
Sara Veres recibirá un diploma e un debuxo realizado pola ilustradora vilalbesa Isabel Pardo como agasallo, mentres que Branka Villar se responsabiliza do deseño do obsequio de Marica Campo. Os autores das Vilariñas premiadas, Beatriz Coira, Manuel González Prieto e Ana García Rivas, serán galardoados cunha exclusiva figura ideada pola artista Viki Rivadulla.
Cea vilariña
Os actos clausuraranse coa bautizada como Cea vilariña, que terá lugar no restaurante O Korreo ás 21.00 horas.

Puntadas para bordar a vida
Comentarios