A arte e a moda foron, dende que era ben pequena, dúas das inquedanzas da guitiricense Laura Villar que, aínda con algunha dúbida porque Belas Artes tamén lle chamaba a atención, elixiu esta última disciplina como carreira a estudar -quédalle só un ano para rematala-, mentres nos seus ratos libres pinta, deseña ou fotografía.
E destes dous gustos, coa escusa dun traballo de clase, naceu a que é a súa primeira colección de moda, que rondaba na súa cabeza xa de antes, con algún aspecto moi claro. "Sabía que quería que a negra fose a cor principal, e tamén que tiña que ter referencias a Galicia", apunta a moza, cuxa inspiración agroma "cando dou paseos pola aldea ou me paro a mirar paisaxes rurais".
Despois a idea foi madurando e medrando, e fóronse engadindo temas: a emigración dos galegos no pasado, e tamén na actualidade, o loito, moi vencellado ao negro, as vestimentas daquela época... E o obxectivo de confeccionar prendas que significaran unha fusión de pasado e presente.
"Cando tiven claros os temas que quería representar, decidín que lle ía dar unha volta á roupa de antes, para facer pezas poñibles hoxe en día para acudir a un acto ou a unha celebración, pero que evocasen e tivesen os materiais que se usaban antigamente", apunta Laura sobre como naceu Diáspora.
Despois tocoulle facer os bosquexos, unha tarefa que levou tempo e na que lle deu moitas voltas á súa cabeza. "Fixen moitísimos e foimos supervisando unha profesora da carreira, pero acabeime quedando co primeiro de todos (ri)", expón. Despois desta fase tocaba confeccionar a roupa, e aí a guitiricense tiña as cousas máis claras sobre a forma na que quería que se fixera todo.
"Tiña claro que quería que todas as prendas fosen feitas e cosidas por min con tecidos de antes. Hai veces que se manda a coser a talleres e iso facilita o traballo, pero esta quería facela eu enteira e estou contenta co resultado", apunta Laura, recordando todas as horas que pasou entre teas e na súa máquina de coser para que todas as pezas quedasen tal e como as imaxinara na súa cabeza.
Das mans de Laura saíron pezas moi variadas como gravatas, un traxe de home, tops, panos, corsés e moitas outras... Unha das que máis chama á atención é un corsé cun anaco do poema de Rosalía de Castro Adiós ríos, adiós fontes, que fala da emigración, bordado en amarelo e con fíos que semellan alguén marchando.

Xa con todo rematado, e pensando en como sacalo á luz, tendo claro que ía ser unha colección artística e non comercial, o Instagram antollouse como unha boa opción e Laura escolleu a súa conta artística, onde xa compartía, e segue facendo, retratos e pezas que pinta á man ou que cose, para facer a presentación desta colección.
Antes de sacar as fotos, necesitaba calzado e complementos, para os que acudiu a xente de ámbolos dous sectores. "Para os pés tiña claro que quería unhas zocas da artesá Elena Ferro", apunta a moza, que nun principio quería ser ela a que fixese as xoias que lucisen os modelos nas fotos da colección.
Porén, ao final acabou delegando en Contando Contas, asegurándose así de ter xoias feitas á man, e integramente en Galicia, algo importante para Laura.
Con todo ben atado e cos modelos e cos fotógrafos elixidos chegaba o momento de sacar as fotos, en dúas sesións, unha de estudo e outra no exterior, optando por un escenario costeiro. Con todo o traballo feito, a colección saíu á luz, e non só en Instagram, senón que Laura tamén a levou á feira Curtis na Lembranza-As Feiras de 1900, onde estivo exposta na rúa.
As valoracións da mesma foron boas e Laura está moi contenta co resultado: "Os meus amigos e achegados apoiáronme moito e bastante xente deume opinións positivas", afirma, apuntando que quere darlle máis percorrido e que Diáspora siga medrando.
Futuro
Estando no último ano de carreira, o TFG é o seguinte reto da guitiricense, que non quere adiantar nada sobre a temática pero que xa ten moitas ganas deste novo proxecto.
"Vai ser máis grande que o primeiro, pero non quero dicir nada aínda, só que me fai moita ilusión", explica, centrada na súa nova aventura.