Puntadas de Tras do Poxigo

Bastidores, camisas ou gorros vólvense lenzos nos que María José Maseda plasma os seus bordados, que xa promociona na páxina que leva o nome dunha escondida rúa de Vilalba
undefined
photo_camera María José Maseda cun dos seus traballos. EP

Unha rúa tan orixinal como agochada dá nome a un proxecto singular, deses que son froito da paciencia de quen desfruta do que fai. Tras do Poxigo, a calella que hai entre o antigo pub Fardela e o restaurante A Lareira, en pleno corazón de Vilalba, é tamén un lote de puntadas, imaxes plasmadas en bastidores, decoración sutil e delicada e o fogar dos avós de María José Maseda, a rapaza que dá sentido a unha marca que xa está a colleitar os primeiros encargos, pese ao seu pouco tempo de vida.

Botou a andar en Instagram na primeira semana deste ano, moi en parte pola insistencia das amigas de María José, máis coñecida como Majo. "Sempre me gustaron as manualidades e cando faciamos o amigo invisible, intentabamos regalar algo personalizado", relata para poñer en antecedentes, "e no confinamento comecei cos bordados, así que este ano foi o que regalei a unha amiga", quen acabou por publicar a foto que daba o pistoletazo de saída a un proxecto que, polo momento, é unha afección que Majo debe compatibilizar co seu oficio. 

É por iso que ata agora tan só traballa por encargos, que se deben facer a través da súa conta de Instagram ou en [email protected] cunhas dúas semanas de antelación. E en dez días xa recibiu 15 pedidos "de xente coa que nin tiña trato", di, mentres recoñece "flipar coa acollida".

Na súa conta de Instagram pódense ver algúns dos seus traballos e realizar os encargos, mellor con dúas semanas de antelación

O máis solicitado son os bastidores con fotografía, un proceso que comeza coa elección da imaxe e segue coa creación de maquetas "que lle paso ao cliente para que dea a súa opinión nas cores, os detalles... aínda que sempre me dan bastante liberdade", apunta. Logo, o traballo manual, pasar a foto á tea do bastidor —hai catro tamaños— e bordar por enriba, aínda que tamén se pode escoller o modelo que se desexe e convertilo en fío, sen foto integrada, incluso en camisas, gorros, suadoiros e outros textís.

E o presuposto "non é algo fixo, depende do traballo, a cantidade de material, o tamaño...", explica Majo, agradecida "co meu mozo e as amigas que me animan e aconsellan", que tirou da única casa de Tras do Poxigo, a dos seus avós, para levar o seu nome polo mundo virtual adiante, puntada a puntada.

Comentarios