Cospeito

A prol da loita polo medio ambiente

O Concello puxo en marcha o Paces e avoga pola redución de lixo con novos colectores
Vista de Feira do Monte. S.IGLESIA
photo_camera Vista da Feira do Monte. S.IGLESIA

Unha das finalidades deste 2020 do Concello de Cospeito pasaba pola loita polo medio ambiente, obxectivo que materializaron coa adhesión ao pacto de alcaldes, que comezaron a executar este ano co Plan de Acción para a Enerxía Sostible e o Clima (Paces) e que implica a aplicación  de compromisos para "mellorar a eficiencia enerxética, conseguir a redución de emisións de CO₂ no ámbito local e aumentar a resiliencia ao cambio climático", detalla o rexedor, Armando Castosa.

O documento inclúe o inventario daqueles elementos do concello susceptibles de aplicárselles estas medidas enerxéticas, como o alumeado público (cambiáronse 420 luminarias en Muimenta e está adxudicada a renovación das mesmas en dous barrios de Xustás), en instalacións municipais (cambiouse a luces led os colexios de Feira do Monte e Muimenta) e no parque de maquinaria .

Por outra banda, desde o Concello "fixemos un proxecto de recollida separada de fracción orgánica que presentamos á Xunta para optar a unha axuda, que foi concedida", di Castosa, pola que adquiriron colectores de residuo orgánico e azuis, bolsas compostables e cubos de prolipropeno. Ademais, a recollida de materiais pesados agora faise a domicilio e deposítase directamente no punto limpo para o seu tratamento.

Outros proxectos
Recuperación paisaxística
No marco da loita pola concienciación medioambiental a través da recuperación paisaxística, o Concello creou sendas verdes na contorna da lagoa e "estamos traballando para dotar de uns 50.000 metros cadrados de zona verde na capitalidade municipal que se poderá ver nun futuro próximo", adianta o alcalde.
Tratamento da auga
A rede de abastecemento conta, en varios puntos, con telexestión e control do tratamento da auga potable.

Comentarios