Antonio Pereiras idea unha iniciativa para darlle un pulo o Camiño Nordés

O dinamizador e artista autodidacta murés edita unha guía para poñer en valor a histórica ruta de Viveiro a Vilalba
undefined
photo_camera Antonio Pereiras, coa guía que editou. EP

Tras anos de traballos, o dinamizador e artista autodidacta murés Antonio Pereiras, impulsor de citas como a xuntanza de escolares da Xestosa ou as festas de San Antonio no mesmo lugar, acaba de editar unha guía coa que pretende impulsar e poñer en valor o Camiño Nordés a Santiago de Compostela, un tradicional itinerario, coincidente co antigo Camiño Real, que une Viveiro e Vilalba, onde se une ao Camiño Norte ata chegar á capital galega.

"Sempre tiven en mente recuperar este camiño, levo moitos anos pensando nisto e recompilando información, facendo o traballo de campo. A Xunta no ano 1993 publicou algo, e a Deputación de Lugo, pero ninguén tirou por el e quedou en desuso", di o presidente da asociación Camiño Real, que xa empezou os contactos cos alcaldes dos concellos polos que pasa o Camiño Nordés para buscar algún tipo de convenio ou de colaboración.

"Tiven contactos cos alcaldes de Ourol, Muras e Xermade e tamén falei coa alcaldesa de Vilalba, falta Viveiro", di Pereiras, ao tempo que indica que todos están de acordo en que hai que tratar de impulsar esta ruta histórica dalgunha maneira.

Coa súa guía, que espera publicar coa colaboración dos propios concellos, ten como obxectivo "acender unha chama pequeniña", que sexa o principio doutras moitas iniciativas. Nela, ademais de información, inclúe mapas antigos que marcan o percorrido.

Pereiras xa iniciou contactos con alcaldes dos concellos afectados a espera "acender a chama" para recuperar esta vía 

O Camiño Nordés, coñecido tamén como Vía Marítima do Camiño Francés, arranca en Viveiro e discorre ata a capital chairega, pasando por Ourol e Muras, onde atravesa a Gañidoira ou o propio núcleo murés para saír polo Burgo cara ao alto da Armada para chegar ao concello limítrofe de Xermade.

A asociación Camiño Real, que preside Antonio Pereiras, realizou hai algunhas semanas a primeira iniciativa, organizando, en colaboración co colectivo Roteiros da Carba, de Xermade, unha ruta dende a antiga pousada de Pepa A Loba, no lugar da Abelleira, en Xermade, ata a Vilalba.

"Participou bastate xente e xa falamos de volver colaborar para facer outro tramo proximamente. Para o seguinte queremos facer o tramo do concello de Muras", indica Pereiras, que insiste en que para promocionar esta senda histórica, que a día de hoxe se pode camiñar enteira aínda que hai zonas en Ourol que non están en bo estado, hai que preservar os elementos singulares, recuperar camiños e sendeiros históricos e incorporar sinalización.

Comentarios