A actual alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, repetirá como cabeza de lista do PSOE nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, tal e como o ratificou a asamblea da agrupación socialista, celebrada na capital chairega este venres.
A militancia socialista vilalbesa deulle o seu apoio "unánime" ao nomeamento de Veleiro novamente como candidata á alcaldía, "co obxectivo de dar continuidade ao proxecto que se iniciou en 2019", logo de que entón conquerisen o que cualifican como un "fito histórico", converterse na candidatura máis votada en Vilalba, "arrebatándolle a alcaldía ao Partido Popular tras máis de 40 anos no poder".
"Foron case catro anos de traballo duro, de ir poñendo ao día un concello totalmente abandonado e de devolverlle a dignidade institucional que merecen os nosos veciños e veciñas", asegurou Veleiro, facendo balance dun mandato que non resultou doado, din, pois tiveron "que facer fronte a unha pandemia mundial que mudou dun día para outro as prioridades, esixindo do noso equipo moito esforzo e trastocando por completo o plantexamento inicial".
A socialista amosou a súa confianza en volver obter o apoio da veciñanza "para que continúe a decencia política, a transparencia, a dotación de novos servizos, a dinamización social a boa convivencia e, en definitiva, o progreso de Vilalba".
Médica de profesión, que exercía no centro de saúde de Vilalba ata que foi elixida como alcaldesa ao contar a lista socialista que lideraba co apoio de Vilalba Aberta no pleno de investidura, Elba Veleiro debutada en política no ano 2007 á fronte da candidatura socialista, na que repetiría en 2011, aínda que non no primeiro posto, e en 2015, novamente como cabeza de lista. Esta será, polo tanto, a súa cuarta vez á fronte do PSOE de Vilalba.
Coa seguridade de que faremos o mellor equipo para seguir gobernando con vocación de servizo á cidadadía"
Veleiro incide en que, de cara a esta nova etapa, mantén "a ilusión intacta, coa seguridade de que faremos o mellor equipo para seguir gobernando con vocación de servizo á cidadadía".
"Eu deixarei a pel por facer deste concello un lugar amable, co máximo benestar e servizos para todos, poñendo sempre Vilalba por diante", precisa tamén a cabeza de lista socialista, que se reafirma no seu "compromiso" co municipio.