viernes. 25.06.2021 |
El tiempo
viernes. 25.06.2021
El tiempo

A CHAIRA, 15 ANOS: GASTRONOMÍA

Propostas sen fin para enxalzar e saborear os produtos da zona

2014 ▶ O capón estrea Indicación Xeográfica Protexida. AEP
2014 ▶ O capón estrea Indicación Xeográfica Protexida. AEP
 As novas IXP do capón ou os grelos, xunto a proliferación de novos eventos e concursos de tapas, fan da Chaira unha comarca ben rica
Ollo ao dato
A Feira do Grelo das Pontes é a primeira que se dedicou a este produto en toda Galicia. En 2019 celebrou catro décadas de historia.
Aquel día
O 22 de maio de 2019 varios párrocos de Vilalba foron recibidos en audiencia polo Papa Francisco, un encontro no que lle fixeron entrega de dous queixos de San Simón. 
Escrito en pedra
"Dos veciños e veciñas de hoxe para a Muimenta de mañá". Ese é o escrito que figura na placa da Filloeira colocada en 2012, unha escultura que vixía a Praza Maior.

Se medimos o sabor da comarca polo número de citas gastronómicas coas que conta, A Chaira está moi rica. Son moitas e moi variadas as celebracións que se promoven ao longo do ano. Unhas teñen máis tradición, outras menos. Pero todas perseguen o mesmo obxectivo: impulsar concellos eminentemente rurais poñendo en valor eses manxares propios con festa e diversión.

A capital chairega é unha das que acadou máis fama lonxe das súas fronteiras polos seus produtos estrela. A Feira do Capón, un manxar con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) dende o ano 2014, é un dos eventos que logra mobilizar un maior número de visitantes. Na última edición, participaron un total de 40 produtores con 400 exemplares dos ao redor de 1.600 que foron criados e vendidos lonxe das súas fronteiras para saborear nos menús do Nadal.

A DOP do Queixo de San Simón da Costa —que foi outorgada en 1999— conta con nove queixerías inscritas, sete delas en Vilalba e con máis de 350 gandeirías chairegas inscritas. O ouro afumado vilalbés, que acumula centos de galardóns nacionais e internacionais e xa se pode atopar en medio mundo, tamén ten a súa feira de exaltación, celebrou as súas vodas de prata en 2019.

E dunha denominación de orixe a outra IXP, a do Grelo de Abadín, o manxar verde que comezou a celebrar a súa cita gastronómica o mesmo ano que nacía a Chaira. A pandemia propiciou o seu lanzamento a internet. O Concello apostou por poñer en marcha este mesmo ano unha plataforma de venda online para que os produtores do municipio puidesen darlle saída as súas colleitas ante a imposibilidade de festexar Expogrelo.

A que si celebrou as catro décadas de historia foi a Feira do Grelo das Pontes. A cita nacía para manter viva a agricultura tradicional nunha vila industrializada, e foi adaptándose aos novos tempos e aos padais máis esixentes con todo tipo de propostas.

Unha dinámica que tamén seguiron dende o Concello pontés coa Feira de Fungos e Cogomelos, con tres décadas de historia nas súas costas, que foi reinventándose pouco a pouco, aínda que continúa mantendo a súa esencia co tradicional concurso de cestas. 

A Filloa de Muimenta, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia dende 2008, é outra das citas que vai medrando pouco a pouco, deixando a semente nas novas xeracións coa promoción de obradoiros prácticos, e nos visitantes, a través de lazos de unión con outras citas similares en Lestedo ou na Baña.

A Expodegustación Galiña de Mos tamén celebrou o seu aniversario redondo. En 2019 cumpríronse dez edicións —a primeira cita foi en 2010— dende que os veciños de San Xiao de Mos, a asociación de criadores Avimós e o Concello de Castro de Rei decidiron darlle un pulo importante a esta raza autóctona que se atopaba non hai moito en serio perigo.

E de eventos con longa traxectoria a outros que deron os seus primeiros e certeiros pasos. En Guitiriz, aínda que xa houbo alguna iniciativa previa, foi da man do Concello e de cinco establecementos locais cando se estreou un evento para enxalzar o seu produto estrela, a torta de millo. Foi en 2017, o mesmo ano no que a Festa da Verza Rizada e o Lacón Cocido de Labrada, creada para dinamizar o rural a través dos seus produtos locais, celebraba a súa décima edición.

Outra das novidades gastronómicas chegou en 2015. Nese ano poñíase en marcha a Feira do Mel de Montaña de Muras, que dende entón enche de actividades durante unha fin de semana O Viveiró, unha cita organizada polo Concello na que colabora estreitamente a Casa do Mel, principal promotor da Feira do Queixo e do Mel de Goente, nas Pontes, que en 2018 tamén festexou unha década de historia.

No mesmo concello, pero no Freixo, nacía en 2012 a Festa do Freixó, un saboroso manxar típico do Entroido co que se devolvía á vida unha das parroquias máis castigadas polo despoboamento.

Tamén en Bretoña, na Pastoriza, xurdiron propostas para dinamizar a parroquia como a Festa da Bola de Liscos e das Freces, no mesmo concello no que durante algúns anos se festexou a Festa do Requeixo ou un tradicional magosto no que se servían ‘faragullos’ —unha antiga comida elaborada na sartén a base de ovo, fariña, auga e leite—.

A todas estas propostas súmanse outras pequenas iniciativas nas que a gastronomía tamén é o principal reclamo, como a Festa da Empanada, en Begonte; a da Paella, en Momán; ou os callos e os cogomelos, que centraban sendas festas na parroquia xermadesa de Roupar.

TAPAS E MÁIS TAPAS. Pero se hai un evento que permita promocionar a gastronomía, ademais de darlle publicidade aos locais de restauración e ao traballo que desenvolven nos seus fogóns, eses son os concurso de tapas, que ao longo dos últimos anos foron proliferando polos distintos municipios.

Os pioneiros foron a asociación de queixeiros de San Simón, que impulsaba en 2008 o seu primeiro certame como preludio da feira —en Vilalba tamén houbo xornadas dedicadas ao capón, ao porco celta, un concurso de pinchos...—, e os empresarios de Muimenta, que en 2009 estrearon unha iniciativa que logrou sumar 17 edicións.

Tamén houbo degustacións pola Feira do Porco da Ceba, en Cospeito, iniciadas polo 25 aniversario desta cita. E xa suman varias e exitosas edicións os certames de tapeo desenvolvidos na Pastoriza, Meira, Castro de Ribeiras de Lea, Begonte, Guitiriz ou As Pontes. Propostas varias para saborear unha Chaira que está ben rica!

Protagonista
MESON CAMPO EXALTACION GASTTeresa Vázquez Puxo en marcha xunto ao seu marido unha hamburguesería no ano 1976 fronte á praza de San Xoán de Vilalba. Corenta e cinco anos despois o Mesón do Campo é un dos nomes fixos na guía gastronómica máis prestixiosa do mundo, á que accedeu en 2012. O ano pasado, ademais, recibiu o galardón Plato Michelin. Na web da guía preséntano como "un restaurante de referencia en la región", no que os clientes poden acceder a "una cocina de base tradicional con pinceladas actuales". A filla de Teresa, Elísabet Castro, é a actual responsable do local, xunto ao seu marido, Manuel Fernández.

 

Propostas sen fin para enxalzar e saborear os produtos da zona
Comentarios