A primeira pedra no camiño

O artista Fernando Villapol iniciou unha investigación para demostrar o emprego oficial de A Ramalleira como nome dun lugar na parroquia pastoricense de Gueimonde, e acabou descubrindo que o antigo Camiño Francés pasou por alí hai séculos
Un momento durante a inauguración da pedra. D.CABO
photo_camera Un momento durante a inauguración da pedra. D.CABO
A historia comezou un día calquera, cando Fernando Villapol acudiu á parroquia pastoricense de Gueimonde na procura das súas orixes familiares. "Oíches, sabes onde queda A Ramalleira?", preguntou a un home que paseaba pola zona. "Estás nela", contestoulle aquel veciño, que casualmente era Domingo Doval, que levaba moito tempo pedindo que se recoñecese o lugar -chamado de forma institucional O Mazón- polo nome que aquel estraño empregara. Ambos dialogaron durante un tempo ata chegar a un acordo para intentar buscar documentación que dese constancia de que este era o nome correcto dende hai séculos.

"Nós sempre lle chamamos A Ramalleira", afirmaba Domingo. Arrincou entón unha longa e intensa investigación de Fernando Villapol, que se viu somerxido nun remuíño de papeleo ata que deu cuns documentos de compravenda datados en 1674 nos que, efectivamente, aparecía mencionado o nome A Ramalleira Da Riva. Xa tiñan o que querían amosar. Porén, o destino tiña reservada unha sorpresa que deu un importante valor engadido ao traballo.

O Camiño Francés percorría o lugar! No mesmo documento, Villapol comprobou sorprendido unha clara evidencia de que parte deste camiño primitivo estaba situado na propia Ramalleira. "Despois converteuse en Camiño Real, máis adiante xa foi coñecido como o camiño que ía á cidade de Mondoñedo e na actualidade puxéronlle uns números", apuntou o artista e veciño de Bretoña.

O descubrimento foi extraordinario. Unha verdadeira xogada mestra, onde artista e veciño se uniron para facer unha reivindicación histórica. Foi o pasado sábado 20 cando o proxecto alcanzou un paso crucial coa emocionante inauguración dunha escultura de pedra onde se gravaron as palabras A Ramalleira e Camiño Francés.

O acto congregou case medio cento de asistentes -unha cifra moi significativa dada a escasa poboación do lugar-, que acompañaron con entusiasmo a uns Doval e Villapol resplandecentes e cheos de orgullo xunto á súa obra.

"Agardo que isto sirva como un primeiro paso para seguir traballando neste sentido e estudando os distintos camiños", pediu Fernando Villapol, autor da obra Ciencia e conciencia, historia social.

O alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, que tamén estivo no acto, contestoulle de forma clara. "Sabedes que podedes contar comigo, non como alcalde, senón como persoa interesada no mundo da toponimia e da lexicografía", indicou.

Agardo que isto sirva como un primeiro paso para seguir traballando neste sentido e estudando os distintos camiños"

Ademais, o rexedor quixo felicitar a ambos pola "fantástica" iniciativa para concluír cunhas verbas que non deixaron indiferente a ninguén e que deron mostra da intención real da pedra. "É unha forma de dar coñecemento e, sobre todo, recoñemento do noso. Ás veces non o facemos, pero debemos defender o noso patrimonio", afirmou ante os aplausos dos presentes.

Agora, esta nova pedra, bautizada para limpar calquera impureza, deixa constancia dunha demanda que a familia de Domingo Doval viña facendo durante anos, o emprego do nome da Ramalleira. Esta é a primeira pedra nun camiño que intentará protexer e dar valor ao patrimonio da Pastoriza e as súas parroquias.

Comentarios