Presente, pasado e futuro da feira

Cada mércores, a carballeira énchese de vida grazas a unha histórica cita semanal, que recibía un gran impulso nos anos 40. A posta en marcha en 1977 do recinto gandeiro supuxo un importante cambio para un evento que é un referente e segue a medrar en vendedores e en compradores.
Algúns postos do mercado, un mércores de xaneiro deste 2021. R.L.
photo_camera Algúns postos do mercado, un mércores de xaneiro deste 2021. R.L.

TÓDOLOS MÉRCORES do ano celébrase en Castro de Ribeiras de Lea un dos mercados gandeiros máis importantes de Galicia. Ese mesmo día, no centro da vila, ao redor da fermosa carballeira, instalan os seus postos vendedores ambulantes, pulpeiros de Lugo, de Sarria e do Carballiño que ofrecen un excelente "pulpo" á feira e unha vintena de agricultores da comarca que venden os seus produtos agroalimentarios nos antigos postos do campo da feira.

A finais dos anos 40 do pasado século, o alcalde José López promoveu unha importante transformación do campo da feira. O campo pasou a ser de propiedade municipal, e procedeuse ao saneamento e ao acondicionamento do mesmo, o que permitiu unha nova organización da feira.

Rodeando a carballeira construíuse un camiño de circunvalación, dotouse o campo dun canal de desaugue e designáronse distintos espazos para o gando. Tamén se crearon 28 novos postos duns oito metros de largo para os vendedores ambulantes, o que supoñía máis de 220 metros de mostrador para que estes comerciantes puidesen expoñer e os seus produtos.

A súa colocación ordenada, a ambos lados da estrada, permitiu unha clasificación dos mesmos por artigos ou clases de produtos. Estes postos feitos de pedra e recebados con morteiro substituíron aos primitivos, feitos con chantos e situados ao redor do vello palco e do espazo que ocupa hoxe a fonte. Os vendedores protexían os seus postos da choiva ou do sol con grandes toldos brancos.

Os postos fixos eran insuficientes, e había outros provisionais feitos con taboleiros de madeira, que dous veciños da vila colocaban o día anterior a cada feira e que alugaban aos vendedores. Os máis modestos expoñían os seus artigos sobre teas que colocaban no chan. Isto danos unha idea da importancia e dimensión das feiras de Castro a mediados do século XX.

NOVAS INSTALACIÓNS. En maio de 1977 inaugurouse o Mercado Gandeiro, deixan de celebrarse as dúas feiras mensuais e comeza a andar o mercado semanal que se celebra todos os mércores. Este cambio radical supuxo grandes melloras para os gandeiros da comarca, pero tivo un efecto negativo no mercado tradicional, que se seguía celebrando no centro da vila, ao deixar de acudir moitos dos vendedores máis asiduos. No primeiro ano de funcionamento do mercado gandeiro vendéronse máis de 11.000 cabezas de gando, e ao ano seguinte a cifra increméntase nun 40%.

O ascenso foi continuo ata 1984, ano no que se chega a comercializar cerca de 2.000 cabezas de gando nalgunha única xornada de mércores. En 1985 o Mercado Nacional de Gando de Santiago, que operaba os xoves, adianta a súa apertura aos mércores. Este é o primeiro revés que sofre o mercado de Castro, que a partir desa data comeza un descenso de vendas. A pesar de todo, a principios dos anos 90, Castro segue sendo o segundo mercado máis importante detrás de Santiago, e a moita distancia por diante do de Silleda, que comercializaba daquela menos da terceira parte de cabezas que Castro.

A lenta tendencia á baixa segue ano tras ano, sendo recente o último revés sufrido polo mercado: a posta en marcha no Matodoso dun centro privado de comercialización, que supuxo un novo descenso de entrada de gando en Castro.

De cara ao futuro, é necesario frear este descenso, estudar a forma de competir cos mercados privados ofrecendo máis servizos aos vendedores e coa celebración ocasional de mercados específicos dalgunha variedade de gando.

Pola contra, o mercado tradicional que ofrecen os vendedores ambulantes e os agricultores da comarca seguiu un proceso inverso, e pouco a pouco foi medrando en número de vendedores e de asistentes.

A construción en 1999 das casetas para comer o polbo, e máis tarde a ampliación e mellora das mesmas, favoreceron o seu crecemento. Estes mercados cada vez máis populares favorecen o encontro entre produtores e consumidores, posibilitan a compra sen intermediarios de verduras, hortalizas, queixos e outros produtos da nosa terra, protexen a economía local, favorecen aos pequenos labradores, potencian a agricultura ecolóxica e axudan a asentar poboación no rural.

MELLORAS NECESARIAS. Moitas vilas e cidades están potenciando estes mercados, e Castro non pode quedar atrás. Igual que no seu día se investiu nas casetas do polbo, hoxe é necesario que estes vendedores gañen en comodidade.

Unha forma sinxela e barata de facelo sería que o concello puxese a disposición dos vendedores pequenas carpas desmontables ou parasoles amplos de terraza, para protexelos a eles e aos seus produtos do sol ou da auga. Isto seguro que atraería a máis vendedores e máis compradores, ademais de mellorar a estética do mercado, e incluso posibilitaría unha organización máis segura en circunstancias como as actuais de pandemia.

Esperemos estas e outras melloras, polo ben do noso mercado.

Comentarios