Preparación con toques de amizade

O Meira, o Muimenta, o CD Cospeito e o Catro Roldas fixeron gozar o público do Pichón no XV Trofeo Concello de Cospeito
O Meira e o Muimenta, antes de xogar a final do XV Trofeo Concello de Cospeito. D.CENDÁN
photo_camera O Meira e o Muimenta, antes de xogar a final do XV Trofeo Concello de Cospeito. D. CENDÁN

O estadio do Pichón foi o escenario, este pasado sábado, do XV Trofeo Concello de Cospeito Lagoa de Valverde, un dos míticos torneos de verán onde os equipos da contorna ultiman a súa preparación de cara ao inicio da tempada e gozan do fútbol con rivais que moitas veces son amigos, nun ambiente festivo de risas, e como non, tamén de nivel, con resultados apertados e xogadas que fixeron que o público se levantase dos seus asentos.

A xornada comezaba coa disputa das semifinais, xa dende ben cedo. Na primeira, o Meira impúxose ao Cospeito pola mínima cun gol de Seixosmil, que decantaba un partido no que ambos tiveron ocasións. Na segunda, o equipo anfitrión, o Muimenta, conseguiu unha praza na final grazas a dous goles de Fran Fernández que poñía o 2-0 definitivo ante o Catro Roldas.

O CD Cospeito. D.CENDÁN
Integrantes do CD Cospeito. D.CENDÁN

As finais tiveron a igualdade por bandeira. Tanto o terceiro e o cuarto posto, que gañou o Cospeito ante o Catro Roldas, como a final, na que o Meira se coroou como campión ante o Muimenta, foron a penaltis despois de rematar sen goles. Nas distincións individuais, o mellor xogador foi Jairo, do Muimenta, e o mellor porteiro foi Fernando Gayoso, do Meira.

Co torneo xa rematado, os conxuntos encaran a recta final da súa preparación coa mirada xa posta na tempada. O primeiro en comezala, xa este domingo ante o Lourenzá, é o equipo meirego. O seu adestrador, Ramón Labrada, apunta que o obxectivo é "facer un curso sólido, manterse e afianzarse en Primeira".

Os dous equipos cospeiteses, na Segunda Galicia, tardarán máis en comezar. Luis Romay, técnico do Cospeito, conta cun cadro de xogadores "moi similar ao do curso pasado" e espera "tratar de estar o máis arriba posible e loitar por facer grandes cousas". Ao seu carón, en Muimenta, Manuel Veiga conta cun equipo "moi completo" que loitará "partido a partido para competir e ser un rival difícil de vencer", e por adaptarse aos cambios producidos no cadro de xogadores.

Xogadores do Catro Roldas. D.CENDÁN
Xogadores do Catro Roldas. D.CENDÁN

Na Terceira Galicia está o Catro Roldas, que será o último en comezar os compromisos ligueiros. Aos seus mandos, Koski fíxase como obxectivo "o ascenso directo, ou como mínimo meterse en playoffs e loitar por subir neles".

Para iso, conta cun cadro de xogadores variado, con xente da casa xunto con novos fichaxes de menos de 20 anos, sumando entre todos "calidade e moi boas maneiras no campo".

Comentarios