jueves. 26.05.2022 |
El tiempo
jueves. 26.05.2022
El tiempo

Os premios Innovagal recoñecen o labor docente de Mario Outeiro

Exposición micolóxica no IES Pedregal de Irimia de Meira. EP
Exposición micolóxica no IES Pedregal de Irimia de Meira. EP
O director do IES Pedregal de Irimia puxo en marcha fai catro cursos a materia optativa Aproveitamento dos Recursos do Medio Natural para que os alumnos coñezan o seu contorno

O director do IES Pedregal de Irimia, Mario Outeiro, vén de ver recoñecido o seu labor docente cun premio educativo Innovagal, concedido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade co obxectivo de pór en valor o labor didáctico a través de prácticas innovadoras que permitan "aplicar metodoloxías activas que sitúen ao alumnado como protagonista da súa propia aprendizaxe e que fomenten o traballo en equipo", tal e como recollen as bases da convocatoria.

A concesión do premio susténtase en dous piares, o proxecto educativo do seu actual centro, onde por cuarto ano se imparte a materia de deseño propio Aproveitamento dos Recursos do Medio Natural, e os traballos previos desenvolvidos na mesma liña en Cervantes, onde puxo en marcha actividades relacionadas coa elaboración do pan na zona dos Ancares e coa apicultura da montaña, que vén de presentar tamén nun congreso pedagóxico en Lugo.

"Non contaba co premio, porque hai iniciativas moi interesantes", apuntou Outeiro ao coñecer a concesión dun galardón que, ante todo, "supón un apoio para seguir traballando na mesma liña". 

O obxectivo de Mario Outeiro é que sexa unha materia de configuración autonómica e se imparta noutros centros

"O premio indica que se vai no camiño correcto e que temos que seguir traballando para dar o seguinte paso, porque o obxectivo de cara ao futuro é exportar a materia a outros centros e que poida chegar a ser unha materia de configuración autonómica", avanzou, lembrando a boa acollida que ten entre o alumnado de segundo de secundaria, onde Aproveitamento dos Recursos do Medio Natural, configurada dende o departamento de Física e Química, se oferta como optativa unha vez á semana.

De 29 alumnos, elixírona 23, o que xunto a este recoñecemento, dá azos para seguir traballando na mesma liña, que inclúe charlas, prácticas de apicultura e cultivos, saídas para coñecer o contorno a ganderías, recollidas micolóxicas ou calquera iniciativa que encaixe no coñecemento do contorno e na posta en valor dos recursos do rural como alternativa de futuro

E ideas non faltan. "Queremos mellorar a práctica en horticultura e fruticultura", avanza Mario Outeiro, que xa se puxo en contacto co Concello para facer uso dunha finca municipal, anexa ao centro, pois o invernadoiro e o terreo co que contan no recinto educativo comeza a facerse escaso para as prácticas previstas.

Instituto e Concello teñen un acordo para usar unha finca municipal de cara a mellorar as prácticas de horticutura e fruticultura dos alumnos

O certame Innovagal conta con dúas modalidades, unha de centro e outra para profesorado, nas categorías de primaria e de secundaria. O proxecto co que concurriu Mario Outeiro foi distinguido na de docentes, concretamente no apartado de Escolas Saudables e Abertas á Contorna, ao que podían concorrer traballos que promovan estilos de vida e hábitos saudables, deseño de espazos educativos, sustentabilidade e concienciación ambiental, educación para o desenvolvemento sostible ou colaboración coa contorna.

En total, a convocatoria deste ano recoñeceu o labor de seis docentes, todos cun primeiro premio de 3.000 euros na súas respectivas submodalidades; e de seis centros, tres de primaria —os Ceip Torre Cela de Bueu, Camiño Inglés de Oroso e Valle Inclán de Vigo— e tres de secundaria —os IES Valadares de Vigo, A Cachada de Boiro e Manuel Murguía de Arteixo—, recompensados con 10.000, 6.000 e 3.000 euros, respectivamente.

Os premios Innovagal recoñecen o labor docente de Mario Outeiro