"Precisamos un rural vivo e o cine pode e debe axudar"

Xosé Manuel Veiga López, máis coñecido como Zé, naceu en Pígara (Guitiriz) en 1996 e leva dez anos colaborando con Xermolos. O ano pasado asumiu a coordinación do Festival de Cine de Roca e este ano, repite. Vai ser en Roca e en Guitiriz, do 6 ao 9 deste mes.
Xosé Manuel Veiga. EP
photo_camera Xosé Manuel Veiga. EP

Dez anos de Cine en Roca, que destacaría do festival?
Destaco o afortunados que somos como vila de ter a Xermolos, que fai posible que iniciativas coma o Cine de Roca nazan, medren e pervivan. E sobre todo, agradecer ás persoas que comezaron co festival e que o trouxeron ata esta décima edición ininterrompida, sen elas non estaríamos aquí.

Farase algo especial?
Dez anos non se cumpren sempre, así que hai que celebralo. Temos un programa especial, ampliado e cunha chea de actividades. Tamén imos intentar que sexa un punto de arranque para crear un cineclub en Guitiriz.

Cal é a principal novidade?
Pasar de dous a catro días, a diversificación das actividades, a volta ao verán e as proxeccións ao aire libre. Teremos proxeccións os catro días, proxectos, concertos, xogos tradicionais, un roteiro pola Ruta do Río Requeixo, contacontos... Tamén haberá bar e zona de acampada. Hai cousas que non cambian, coma os documentais do venres ou o concurso de curtas do sábado.

Cantas curtas se presentaron? 
Recibimos arredor de 60, moitas galegas ou españolas, pero tamén de Colombia, Arxentina, Chile, Cuba, Turquía, Rusia, Francia ou Brasil. Temos que seleccionar e doe deixar fóra algúns traballos que merecen moito a pena.

Os trofeos volven ser exclusivos.
Si. Temos moita sorte de ter entre a familia do Cine de Roca a Marcos Ladra, un xermolo, artesán da madeira, da pedra e probablemente do que lle poñan diante. Témoslle moita estima porque colaborou desde o principio e é unha persoa magnífica.

Quen máis colabora?
O grupo motor somos afeccionados ao cine e voluntarios de Xermolos e despois Galicia Rural, o Concello, Xotramu, a comunidade de montes de Roca e persoas individuais. Sen estas pezas, o puzle non tería sentido.

Que supón organizar un evento así nunha pequena parroquia?
Iso é o que lle dá valor. Económica, demográfica e culturalmente, precisamos un rural vivo e o cine pode e debe axudar. Todo o que sume, debemos abrazalo.

Que lles din os veciños?
O ano pasado, a pesar de que foi unha edición artellada in extremis, saíu todo moi ben e o feedback que recibimos foi moi bo. Algunhas veciñas axudaron na organización e xa son parte do Cine de Roca; sen eles, non ten sentido facer o festival.

Asumiu a organización o ano pasado, que o levou a dar o paso?
Xa tiña colaborado antes e estabamos nun momento no que estaba custando sacalo adiante, faltaba un relevo e se non o había, había un risco alto de que morrese.

É cinéfilo? Que recomendaría?
Gústame o cine, si, porque transmite, educa, emociona e dános identidade. Dos últimos filmes que vin, recomendaría dous: un galego, Matria, de Álvaro Gago, e outro antibelicista necesario nestes tempos de armas, Mandarinas, de Zaza Urushadze.

Que sería do audiovisual sen música?
Eu creo que son dificilmente entendibles por separado, ata o cine mudo se adoitaba acompañar con música en directo.

Comentarios