Recunchos a descubrir

Praza de Vilalba (Muras): Na honra dos de aló para goce dos de acó

Esta área de lecer con vistas ao Eume, pesidida por unha estatua que lembra aos emigrantes, ofrece divertimentos para pequenos e maiores ao carón do centro de saúde
Praza de Vilalba, en Muras. C.PÉREZ
photo_camera Praza de Vilalba, en Muras. C.PÉREZ
O lugar
A praza atópase no núcleo urbano, fronte ao río Eume e ao carón da área recreativa da Veiga. A ela accédese pola Avenida Unión Murense ou pola Rúa Apóstol Santiago.
Estética
Fixéronse varias reformas, a última este ano dentro dunha iniciativa de mellora de espazos verdes ideada polo Concello e financiada co Fondo de Compensación Ambiental.
Servizo
Outra axuda do canon eólico, a de 2017, serviu para converter o antigo bar O Peregrino nunha Aula da Natureza con cafetería, aínda sen estrear.

Estatua ao emigrante, na Praza de Vilalba de Muras. C.PÉREZ

É común que en pobos veciños os espazos públicos leven uns os nomes doutros. En Vilalba hai unha Rúa Muras e en Muras está a Praza de Vilalba, un centro de servizos a través dos que os que ficaron acó lembran aos que un día marcharon para aló.

A xoia da coroa do lugar é a grande área de lecer con vistas ao Eume presidida por unha figura cargada de simbolismo. O pobo de Muras en recoñecemento ao emigrante a Cuba reza a placa da estatua, inaugurada en 1992. Ao seu redor, conxúganse etnografía, natureza e xogos para todas as idades. Un parque infantil ofrece un pasatempo para os máis pequenos e, xusto ao carón, están os elementos dun parque biosaudable para todas as idades.

A verde herba mestúrase coas cores da flores, mentres os altos piñeiros as cobren de sombras segundo por onde ande Lorenzo. Unha pérgola de madeira renova a imaxe dun espazo onde un vello lavadoiro convertido en peza de museo lembra os labores dun tempo non tan pasado, onde moitos veciños marcharon na procura dun futuro mellor. 

E para os que permanecen, aí está o centro de saúde e, ao carón deste, a nova Aula da Natureza, un vello edificio municipal que busca unha nova vida como referente para o turismo ambiental.

Lavadoiro da Praza de Vilalba de Muras. C.PÉREZ