O PP presenta a Sandra Vázquez como candidata á alcaldía de Vilalba

A líder do partido na capital chairega asume esta nova responsabilidade con "moita ilusión" e co obxectivo de "volver ao goberno cunha vitoria esmagadora e desbancar dunha vez por todas ao goberno do PSOE" 
Sandra Vázquez Domínguez. EP
photo_camera Sandra Vázquez Domínguez. EP

Nun xantar celebrado este domingo no restaurante Montero de Vilalba, o Partido Popular confirmou a Sandra Vázquez Domínguez, deputada autonómica e presidenta do PP local, como candidata á alcaldía de Vilalba.

A actual voceira do PP vilalbés, que asume esta nova responsabilidade con "moita ilusión", asegurou sentirse "moi arroupada polos compañeiros de partido" e asegurou que traballará co obxectivo de "volver ao goberno de Vilalba cunha vitoria esmagadora e desbancar dunha vez por todas ao goberno do PSOE de Vilalba, un goberno autoritario, derrochador e soberbio”. 

Fronte ao "malgaste de fondos públicos" que dende o PP lle atribúen ao goberno local socialista, Vázquez defendeu  o proxecto popular, baseado "en tres pilares fundamentais": a creación de emprego "a través do asentamento de novas empresas e a ampliación das xa existentes, favorecendo o asentamento de veciños no noso territorio", a prestación de servizos aos veciños "velando polo seu benestar, tanto dende os máis pequenos ata os nosos maiores" e "como liña estratéxica, a prioridade no rural", co "arranxo das rúas municipais, da escola, o apoio ao tecido asociativo, cultural, social e deportivo".

“Sandra é a candidata ideal porque reúne todas as características para dar a estabilidade gobernamental da que carece Vilalba”, asegou a presidenta provincial do PP, Elena Candia, que asistiu ao encontro que serviu para presentar á candidata, banqueira de profesión ata que en 2015 iniciou a súa actividade política en Vilalba. 
 

Comentarios