O recuncho de Laura Casal

Pousada de Pepa a Loba: a lenda da Robin Hood galega

A antiga casa da mítica bandoleira atópase en Xermade, onde se di que traballaba como pousadeira
A fachada da antiga pousada de Pepa a Loba. D.CABO
photo_camera A fachada da antiga pousada de Pepa a Loba. D.CABO

Táboa de madeira, ventás tapiadas e paredes de pedra. Unha casa aparentemente normal, en estado (case) de abandono. No seu interior, hai máis de 150 anos, a lendaria Pepa A Loba agochábase detrás da faciana dunha dócil taberneira que servía comida e ofertaba camas a viaxeiros e camiñantes.

Laura Casal, veciña de Xermade, non dubida á hora de escoller esta antiga pousada como un dos recunchos favoritos da súa localidade. "Gústame moito todo o que ten que ver coa mitoloxía e, ademais, síntome moi identificada con Pepa A Loba", explica. A pesar de que a lendaria bandida galega viviu aló polo século XIX, son varios os motivos que a unen con esta xermadesa.

Aínda que desenvolveron as súas vidas na Terra Chá, Pepa e Laura naceron no norte de Pontevedra, na Estrada e en Cotobade, respectivamente. Laura Casal viviu ata os once anos alí coa súa avoa, que lle contaba un bo número de historias. "Era unha gran narradora e sempre metía a Pepa A Loba polo medio", rememora.

Os contos que lle relataba a súa avoa fixeron que vise na figura de Pepa A Loba alguén que admirar. "Ela non era malvada, só buscaba xustiza. Fastídianme moito as inxustizas", afirma Laura, que non recorda a primeira vez que visitou a vivenda en Xermade. "Cando vin non sabía que se atopaba aquí a pousada. Ao cabo duns anos dixéronmo e alucinei", sinala.

O teito foi reformado hai un tempo e, aínda que a vivenda é de propiedade privada, ninguén a habita. Curiosamente, a principios do século XX, arredor dos anos 20, a parte esquerda da casa foi empregada como centro escolar para os nenos e as nenas das parroquias de Lousada e de Roupar.

Porta principal da casa. D.CABO
Porta principal da casa. D.CABO

A pesar do paso do tempo, o interior mantén a distribución da vella pousada, incluso coas cortes que utilizaban para que a cabalaría deixase os animais. Enriba da porta principal, pódense ollar dous buratos polos que Pepa sacaba o canón da súa arma cando viñan "os malos". Naquela época, a construción estaba estratexicamente situada. "Era un cruce de camiños", conta Laura, que tamén se lamenta porque "non presumimos de ter no noso concello a que foi casa de Pepa A Loba". 

Comentarios