A agrupación micolóxica Poupariña volve ao monte

Un grupo de mozos das Pontes refundou a antiga entidade que levaba máis de dúas décadas sen actividade. A renovada asociación, que conta xa con medio cento de integrantes, promoveu varias saídas e participará no evento da federación
Integrantes da refundada agrupación micolóxica Poupariña, antes dunha saída ao monte.EP
photo_camera Integrantes da refundada agrupación micolóxica Poupariña, antes dunha saída ao monte.EP

A agrupación micolóxica Poupariña vivirá unha segunda vida grazas á implicación dun grupo de mozos das Pontes, que decidiu refundar, non sen esforzo, esta entidade logo de máis de dúas décadas sen actividade, e que fora a promotora da Feira de Fungos e Cogomelos que chega aos nosos días e que celebrou hai pouco a súa trixésimo segunda edición.

"Fai anos falara con María Fraga da posibilidade de fundar unha asociación naturalista, pero ao final non saiu adiante. Tamén quedou no aire a opción de crear unha nova entidade micolóxica", explica Miño Guerreiro, o primeiro presidente da nova era de Poupariña, quen confirma que foi a principios de 2021 cando empezou a tomar forma a posible refundación.

Primeiro coa creación dun grupo de WhastApp xunto a María Fraga, actual vicepresidenta, e a Helio Baamonde, secretario, e no que aos poucos se foron sumando novos integrantes ata o medio cento actual. Algúns, incluso, pasaron a integrarse na directiva como Efrén Legaspi, que é o tesoureiro, ou David Bellas, vogal.

Ademais das caras novas, este grupo de afeccionados á micoloxía decidiu pedir consello aos anteriores integrantes da Poupariña, entre eles a José Guerreiro e Vicente Bellas, que os acompañaron no proceso e lles facilitaron a documentación que tiñan da asociación, entre ela o libro de socios.

"Nel só estaban os enderezos postais do cento de integrantres que chegou a ter Poupariña, que se fundou en 1987 e estivo en funcionamento uns doce anos", indica Miño, recordando o arduo traballo que supuxo a obtención de contactos non só para intentar integralos de novo na agrupación, senón para dixitalizar a documentación e facilitar as tarefas administrativas da asociación.

A media de idade dos integrantes da agrupación, que iniciará en breve a campaña de captación de socios, ronda os 35 anos

Unha vez rematado o traballo máis burocrático, os amantes do monte e dos cogomelos puideron iniciar xa a actividade máis práctica e centrada na micoloxía, que incluiu unha saída guiada pola antiga entulleira de Endesa o pasado mes de outubro.

Tamén participaron en varias actividades das xornadas As Pontes, Terras de Cogomelos e exerceron como xurado no concurso de cestas da feira pontesa, que foi un lugar ideal para facer novas fichaxes para a entidade, que proximamente iniciará a campaña oficial de captación de socios.

"A media de idade debe rondar os 30 ou 35, estamos moi contentos porque vemos que hai marxe para facer moitas cousas durante os próximos anos e hai relevo", indica o presidente, avanzando que queren que sexa una entidade "transparente" e "participativa" e na que todos os seus integrantes teñan poder de decisión.

Nun futuro gustaríalles poder ofrecer actividades autofinanciadas informativas e formativas, non só durante o outono, e que sexan artelladas e propostas polos propios integrantes.

Agora o obxectivo máis próximo sitúase na 40ª Semana Micolóxica Galega que a federación autonómica convoca do 2 ao 8 de decembro nas Pontes, e na que estarán moi presentes. Porque a meta é que Poupariña teña unha longa segunda vida.

Comentarios