A reportaxe da Chaira

Posto da Estruga: doce mans para darlle un pulo ao mercado de Vilalba

Seis produtores chairegos comercializarán queixo, mel, cogomelos ou produtos da horta dous días á semana a partir deste venres, día 20
Amanda, Inés, Marta e Mar, no posto da Estruga que abre este venres, día 20. C.PÉREZ
photo_camera Amanda, Inés, Marta e Mar, no posto da Estruga que abre este venres, día 20. C.PÉREZ

"Comer un tomate que cruzou España nun camión frigorífico ou un bote de mel que viaxou nun barco dende China non pode ser o futuro da alimentación, é antinatural se tes un produto de calidade a dez quilómetros da túa casa" e "comer patatas en Galicia que vengan de otra parte del mundo me parece un poco absurdo" son frases de Iván Díaz e de Amanda López Prieto que axudan a entender a filosofía dunha nova iniciativa que busca potenciar o produto de proximidade, achegalo ao consumidor e, de paso, dinamizar a praza de abastos de Vilalba.

Eles son dous dos seis produtores que este venres 20 estrean o novo posto da asociación A Estruga Espazo Agrocolóxico nas instalacións da capital chairega, un espazo ao que tentarán darlle un pulo ao tempo que buscan novas canles de venda para os seus produtos, que estarán dispoñibles todos os martes e os venres, coincidindo cos día de mercado en Vilalba.  

Marta Vázquez. EP
Marta Vázquez. EP

Marta Vázquez (Noche): "Non tiña saída para o chícharo e faláronme de que había postos libre na praza"

O xermolo da proposta xurdía hai xa moitos meses, case por casualidade, como lembra Marta Vázquez Rouco, veciña da parroquia vilalbesa de Noche, onde compaxina unha gandería de carne traspasada pola súa nai coa súa aposta persoal pola horta.

Ás patacas, das variedades agria e caesar, que leva anos cultivando e para as que ten xa moitos clientes fieis da contorna, sumou a variedade autóctona de chícharo da Cova, logo de que Susana Trastoy, técnica pontesa da cooperativa Almoga, lle dese unhas sementes. 

"Non tiña saída para o chícharo e faláronme de que había postos libres na praza e aínda que ao final eu o vendín igual, daquela abordamos o tema do mercado na Estruga, por se se vía factible facer algo xuntándonos para así darlle saída ao excedente", lembra Marta, que ao ano seguinte xa dispuxo da súa propia semente para cultivar esta variedade de guisante que os futuros clientes tamén poderán adquirir no mercado vilalbés.

E non descarta ampliar a oferta, pois a súa idea é ir reducindo progresivamente o número de cabezas de gando —ten 15 vacas e mais becerros—, e ampliar a superficie de cultivo, incorporando tamén un invernadoiro. Aínda así, quedará con algún animal, pois estes tamén lle achegan "un abono que é moi bo".

Aquelas conversas iniciais ás que aludía Marta acabaron por convertérense nunha proposta formal da Estruga ao Concello de Vilalba, recibida por este con moi bos ollos, pois supoñía axudar a revitalizar un servizo municipal moi infrautilizado. Tras meses de trámites e diversas obras asumidas por ambas partes para tratar de poñer a instalación a punto, o proxecto está a piques de ver a luz grazas á implicación de quen apostou por unha idea "genial", como valoraba Amanda López, da parroquia vilalbesa de Goiriz.

Amanda López. EP
Amanda López. EP

Amanda López (Goiriz): "Lo más lógico es que los productos que cultivas en la zona se consuman lo más cerca posible"

"Lo más lógico es que los productos que cultivas en la zona se consuman lo más cerca posible", indica, destacando a dobre vantaxe desta forma de comercialización. O vendedor coñece ao seu cliente e as súas necesidades e opinións, e o consumidor sabe quen é a persoa que produce e de onde procede o que está comprando, xerándose así un feedback que non é factible con outras formas de comercialización. 

Amanda apostaba en 2016 por comezar a súa propia horta, levando á práctica o que ata ese momento eran coñecementos teóricos pola súa formación como bióloga. "Al cultivar aprecias muchas cosas que no te enseña la teoría", indica, precisando que comezou para autoconsumo e acabou por ir un paso máis alá, apostando pola venda directa. 

E tamén é unha firme defensora da economía circular, o que aplica no seu día a día, aproveitando todos os recursos que ten ao redor, coma as galiñas, os coellos ou o burro que lle achegan materia orgánica para usar como fertilizante para os seus cultivos.

Aínda que como en toda horta ten un pouco de todo, tres son os principais eixes da súa produción. "Me estoy centrando en la fresa y la cebolla, para coordinarnos y producir diverso", precisa, engadindo que a estes cultivos ao aire libre suma unha aposta polas setas shiitake, para o que dispón dun invernadoiro.

María del Mar López, de A Mar de Bon, coa súa filla Inés. EP
María del Mar López, de A Mar de Bon, coa súa filla Inés. EP

María del Mar Trastoy (Lanzós): "O mercado estaba medio abandonado e esta é unha boa maneira de poñelo en alza"

"Prodúcense nun tronco de carballo, que é a madeira que dá unha mellor calidade, pero nestes meses de frío non", detalla sobre o cultivo desta variedade outra das produtoras da Estruga, María del Mar Trastoy, quen ten un invernadoiro para unha produción pola que aposta dende 2018, cando decidiu pedir unha axuda de incorporación que lle foi concedida.

Un ano antes foi a produción de mel a que espertou a súa atención e hoxe conta xa con 55 colmeas repartidas pola parroquias xermadesa de Lousada e as vilalbesas de Vilapedre e de Lanzós, de onde é ela.

Diversas tendas en Lugo ou en Ferrol, clientes particulares ou grupos de consumo son a principal saída dos seus produtos, comercializados baixo a marca A Mar de Bon, que a partir do venres tamén se poderá atopar no mercado vilalbés. "O mercado estaba medio abandonado e esta é unha boa maneira de poñelo en alza, porque por aí noutros lugares funcionan ben, así que a ver como nos vai aquí, hai que probar", di Mar.

Iván Díaz. EP
Iván Díaz. EP

Iván Díaz (Goiriz e San Simón): "O comercio de proximidade é máis respectuoso co medio ambiente e axuda a dinamizar o rural, ofrece un valor engadido"

"O comercio de proximidade é máis respectuoso co medio ambiente e axuda a dinamizar o rural, ofrece un valor engadido", defende Iván Díaz, produtor de mel de Goiriz afincado en San Simón que centrará a súa achega nos excedentes da horta —kiwi, fabas, grelos, cebolas, tomates, patacas— que súa nai, Lidia Souto, ten en Goiriz, e no que é a súa principal actividade, a produción de mel e outros derivados do traballo das abellas, como pole e própole. 

A aposta polas colmeas xurdía en 2010 e hoxe suma 145 espalladas por Aldixe (Abadín), O Viveiró (Muras), Vilapedre, San Simón e Goiriz, zonas moi distintas que lle dan a posibilidade de ofrecer varios tipos de mel.

A súa presenza en feiras é habitual, a onde acode moitas veces acompañado da súa muller, Cristina Román, participante no proxecto cun dos produtos máis emblemáticos da comarca: o queixo de San Simón da Costa.

Cristina Román, da queixería Don Gabino. EP
Cristina Román, da queixería Don Gabino. EP

Cristina Román: "Xa ía unha vez á semana a Vilalba a propósito para levarlles queixos a clientes habituais"

Cristina asumía no ano 2014 as rendas da queixería familiar, Don Gabino, logo de que seus pais, Gabino e Esther, puxeran en marcha unha das cinco primeiras fábricas que deron pé á denominación de orixe. "Sempre lles axudei, gustábame e cando se xubilaron dábame pena que cerrase", lembra sobre unha decisión da que non se arrepinte co paso do tempo e na que afronta unha nova fase, que en realidade é unha continuidade do que xa leva anos facendo.

"Xa ía unha vez á semana a Vilalba a propósito para levarlles queixos a clientes habituais", lembra, desexando que esta aposta colectiva, na que ademais de San Simón achegará queixo do país e de barra, axude a darlle vida ao mercado: "Non ten por que non funcionar e por intentalo non se perde nada".

Inés López, de SenSucre. EP
Inés López, de SenSucre. EP

Inés López (Cabreiros): "Botabamos en falta un punto de venda para os produtos locais"

Aínda que na oferta hai moita materia prima, no posto non faltarán os pratos preparados grazas ao obradoiro SenSucre de Cabreiros (Xermade) e á súa alma máter, a viveiresa Inés López, que tamén é unha das catro socias fundadoras da Estruga.

O seu proxecto para elaborar produtos "100% vexetais" nacía en 2017 e hoxe ten dúas liñas de traballo: a doce, onde ofrece todo tipo de repostería, e a salgada, que inclúe quiches ou patés. Estas son as propostas que ofrecerá na praza de abastos grazas a unha iniciativa que nace tanto porque todos botaban en falta un punto de venda para os produtos locais como, no seu caso particular, para darlle saída ás súas elaboracións, que agora comercializa por encarga, en venda directa e en feiras ou festivais. 

Estas doce mans son as que botan a andar, con moita ilusión, o posto da Estruga na praza de abastos de Vilalba, mais a súa idea é ir sumando produtos e produtores e ofrecerlle diversas posibilidades ao consumidor, como preparar cestas por encarga, ao gusto de cada persoa.

Organización: Atención rotatoria e apertura en horario de mañá
A partir deste venres, día 20, o novo posto da praza de abastos abrirá nas xornadas de mercado de Vilalba, de 9.00 a 14.00 horas, e ofrecerá sempre distintos produtos de todos os participantes na proposta, que se encargarán tamén de atendelo de xeito rotatorio. Así, fixarán quendas entre eles para facilitar a conciliación desta nova tarefa coas súas respectivas responsabilidades laborais e persoais. 

Complementariedade
Unha vez superada a etapa de asentamento, a idea é contar cunha oferta complementaria de actividades, con degustacións (haberá o día da inauguración), cursos, xornadas divulgativas, visitas a produtores, obradoiros ou mesmo outras propostas como mostras de artesanía, contacontos ou actuacións musicais, «xa que a nosa asociación contempla a diversificación cultural e a dinamización», din dende a Estruga.

Peixaría
O posto da Estruga sumarase ao único que se mantiña operativo no mercado vilalbés, unha peixaría que tamén abre os días de mercado, os martes e os venres pola mañá.

Convenio
O acordo co Concello ten unha  validez de dez anos. A adxudicación fíxose de forma directa, unha opción que contempla a ordenanza do mercado se non hai demanda para o uso dos postos, tal e como ocorría neste caso. O Concello non recibía ningunha solicitude dende 2016.

Comentarios