Portal de estrea para 50 anos de tradición

Belén de Begonte. C PÉREZ
photo_camera Belén de Begonte. C PÉREZ

O Museo José Rodríguez Varela, que honra ao creador das figuras do belén electrónico de Begonte, expón algúns dos tesouros deste singular nacemento ao que cada ano peregrinan milleiros de persoas —ata o ano pasado, sempre de xeito presencial, agora, pola pandemia, tamén virtual (www.belendebegonte.es)—. Nel consérvase a montaxe orixinal de 1972, presidida por un pequeno portal que pouco ou nada ten que ver co que se poderá ver a partir do día 4 de decembro no centro cultural José Domínguez Guizán. Aínda que iso si, o espírito era o mesmo hai 50 anos que hoxe, pór en valor o rural galego.

Porque quizais ese senlleiro lugar onde cada Nadal nace Xesús e recibe a visita dos pastores ou dos tres Reis Magos, guiados pola estrela de Oriente, sexa un pouco máis grande e máis vistoso, converténdose nunha das principais novidades que atopará o público no seu regreso, pero o que o rodea segue a representar a tradición de calquera aldea chairega, permitíndose a licenza poética de facer coincidir no espazo tempo a matanza do porco, a malla, unha tasca do liño ou unha vendima, sen que falte o castelo de Herodes, iso si, rodeado de vivendas de pedra típicas chairegas, dun regato onde hai troiteiros e lavandeiras e ata da igrexa de San Pedro. Cousas da maxia do Nadal.

O Colectivo Egeria deseñou unha exposición itinerante sobre este efeméride

Como cada ano, de sábado a sábado, do 4 de decembro ao 29 de xaneiro, haberá dous meses para imbuírse da esencia dun nacemento que en Begonte, na Chaira, na provincia e poida que ata en Galicia, luces mediante, marca o inicio e o peche da tempada de Nadal. E un dos que terá a oportunidade de facelo será o bispo da diocese de Mondoñedo Ferrol, Fernando García Cadiñanos, quen cumplirá coa tradición dos seus predecesores no cargo, ler o pregón do belén logo de ser nomeado. Farao o sábado, no decurso da cerimonia relixiosa que terá lugar na igrexa parroquial de San Pedro, a partir das 18.00 horas, e que tamén contará coas actuacións do Orfeón Lucense e da Banda Sons e Soños.

Para quen queira pór o seu gran de area para contribuír á celebración deste Nadal en Begonte e aínda por riba, levar un premio, o centro cultural José Domínguez Guizán volve convocar os clásicos certames do belén: debuxo infantil, arte, xornalismo e poesía.

E como 50 anos non se cumpren todos os días e neste medio século pasaron moitas cousas que hai que contar e lembrar, o Colectivo Egeria deseñou unha exposición itinerante sobre esta efeméride, que se pode ver en distintos puntos da xeografía galega.

Comentarios