jueves. 05.08.2021 |
El tiempo
jueves. 05.08.2021
El tiempo

O pop inchable máis satírico

Integrantes de Irmandades do Falo. EP
Integrantes de Irmandades do Falo. EP

A peculiar formación musical Irmandades do Falo de Vilalba repasa unha década de vida co seu Tour X no horizonte

ELEVARON á categoría de protagonistas a persoeiros anónimos de Vilalba, grazas as súas letras satíricas e acedas. Con elas conquistaron ao público, que converteu Carnicería Generosa —un pequeno negocio da vila que "facía a mellor zorza do mundo", segundo defenderon sempre— na canción do verán no 2012, logo de gañar un premio no Vas sacar nota da Radio Galega. Pero, ademais, percorreron escenarios de punta a punta do país, levando con orgullo o que definiron como "pop inchable", ese que cumpre unha década sen desincharse nin un sopro.

Irmandades do Falo, a peculiar formación musical de Vilalba, aproveita o seu aniversario redondo para facer repaso histórico, coa vista posta xa nun Tour X co que desexan festexar e deixar testemuño.

Os comezos, como todo nesta banda, son peculiares. "Invitáronnos a participar nun festival do instituto. Querían que contásemos chistes e acabamos tocando e cantando", recorda Pablo del Valle que, xunto a Baruk Domínguez, David Trastoy e Rubén Veiga, foron os primeiros integrantes do grupo. Logo sumaríanse Rosana e Bobé, que tamén continúan.

O paso previo a esta estrea en 2009 foi nun campamento diocesano, tres anos antes. "Pablo e máis eu empezamos a facer cancións de xente mítica de Vilalba, a primeira foi a de Pili de Lambuxos —unha tenda de doces—, facían gracia", rememora entre risas Baruk, mentres entona uns versos da canción: "Pili de Lambuxos es la mujer ideal, todos los hombres quisieran tener una igual. Simpática, atrevida, es un icono sexual. Con sus helados nos lo pasamos genial".

"Foi unha das que mellor funcionou sempre", confirman ao unísono uns mozos vencellados á banda de música de Vilalba, onde se coñeceron e se fixeron amigos, e da que pasaron a xuntarse na casa de Pablo para tocar e compoñer.

"Cancións improvisadas e pequenas nocións de música. Así naceron os temas que gravamos co micro do ordenador. Aínda queda algún documento infame daquela época", asegura entre gargalladas Baruk, quen recoñece que hai moitos temas que "pola dificultade das melodías" nunca saíron á luz.

E non foi por bolos. "As Pontes, a zona da Mariña, Ourense, Taragoña, Rianxo, Vilaxoán, Melide... Actuamos en todas as provincias", confirman os músicos, que entre os seus innumerables concertos quedan cos do San Froilán e cun en Vilalba, onde fixeron de teloneiros de Dover. "Aínda que todos son especiais", di con certa nostalxia David.

Agora —cando empezaron tiñan entre 15 e 18 anos—, cun traballando en cada punta —todos seguen relacionados profesionalmente coa música, salvo Rubén Veiga, que se dedica ao mundo audiovisual—, as xuntanzas fanse costa arriba.

Pero, aínda que resulte complicado, non queren perder a oportunidade de cumprir cos seus seareiros, e organizar polo menos unha pequena xira de concertos con motivo do seu décimo aniversario. "Aínda non hai datas, e non sabemos moi ben cando poderemos facela, pero haberá Tour X", din sen pensalo.

A idea que sobrevoa é poder facer unha actuación "como peche dunha etapa" no auditorio municipal Carmen Estévez de Vilalba. "Gustaríanos poder gravar o audio e tamén o vídeo para que quede de recordo", explica Pablo, mentres Rubén, ao que lle encargarán a tarefa, asinte cun sorriso.

"Sería algo así como o broche de ouro, igual que fan os grandes grupos, e poder editar un CD-DVD para a historia", engaden, sabedores de que xa moitos están desexando recordar esas melodías pegadizas e agres que tantos sorrisos e bailes espertaron.

Porque Irmandades do Falo non pode desaparecer nin desincharse, ten que seguir facendo unha homenaxe satírica a todos eses establecementos vilalbeses que xa se converteron en lexendarios.

O pop inchable máis satírico
Comentarios