Pontoibo aposta pola tradición e recupera a súa poxa polo San Vicente

O barrio pontés retomará os festexos na honra ao seu patrón logo do parón obrigado pola pandemia
Poxa de Pontoibo, nas Pontes. MARTA MANCEBO
photo_camera Poxa de Pontoibo, nas Pontes. MARTA MANCEBO

Ovos, chourizos, patacas, pan, viño ou licores. Serán só algúns dos saborosos produtos polos que poderán poxar todos aqueles que se acheguen esta fin de semana ata o barrio pontés de Pontoibo, un lugar que aposta de novo pola tradición e recupera despois do obrigado parón pola pandemia os seus festexos na honra a San Vicente.

A programación arrancará xa o sábado 21, ás 13.00 horas, cunha misa solemne. Tras ela haberá unha sesión vermú amenizada pola orquestra La Favorita, que repetirá na verbena nocturna con Capitol.

O domingo 22 tamén haberá misa e, despois, ás 12.00 horas chegará o prato forte coa poxa tradicional, que durante varias décadas foi guiada por Salustiano Ameneiro, unha institución para o pobo das Pontes, que faleceu o pasado mes de abril aos 102 anos de idade, e que será a primeira vez que non estea presente para supervisar os preparativos.

Deles encargarase un ano máis José Vázquez, Camposa, que leva ao mando do ritual dende 2014 –aínda que xa antes axudaba a Salustiano–, e que irá presentando dende o palco, no que estará acompañado por outros veciños de Pontoibo, un produto tras outro para que o público poida poxar e levalos para a casa ou desfrutalos alí mesmo.

Un escenario no que orquestra Los Satélites ofrecerá un espectáculo musical, de 15.00 a 17.30 horas, durante o que os asistentes poderán repoñer forzas degustando unha paella gratis que porá a disposición a comisión de festa do San Vicente de Pontoibo. Un barrio que levaba xa dous anos de espera para celebrar por todo o alto o seu patrón. 

Comentarios