As Pontes recorda a Antón Ferreiro, un home "apaixoado" do seu pobo

Unha placa no parque de Lesneven homenaxea ao impulsor do irmanamento coa vila bretona

Homenaxe a Antón Ferreiro. M.MANCEBO
photo_camera Homenaxe a Antón Ferreiro. M.MANCEBO

Chea de emocións e moitos recordos. Así foi a homenaxe "xusta" que este venres lle brindou o pobo das Pontes a Antón Ferreiro, impulsor do irmanamento coa vila bretona de Lesneven e un home "comprometido e apaixoado do seu pobo, que sempre defendou con orgullo".

Así o definiron familiares e amigos, que estiveron arroupados por ducias de veciños, nun acto ao que tamén asistiron representantes de diversas asociacións culturais e deportivas da vila, coas que Ferreiro, falecido o pasado mes de setembro, colaborou desinteresadamente durante décadas retratando cada un dos seus eventos e creando un inmenso arquivo fotográfico que o Concello, coa axuda da familia, se comprometeu a poñer en valor.

A familia de Ferreiro, falecido o pasado mes de setembro, viaxará a Lesneven para asistir o día 30 a outro acto na súa honra

O CD As Pontes -do que escribiu un libro, retrataba cada partido e almacenaba recortes das vitorias e ascensos-, a comisión de festas e a Irmandade Lesneven-As Pontes, que presidiu durante 25 anos, quixeron facerlle entrega dun agasallo a súa viúva e os fillos, emocionados ante as múltiples mostras de agarimo dos seus vecinos.

A continuación, e acompañados polo rexedor pontés, Valentín González Formoso, descubriron unha placa no seu recordo nese parque de Lesneven "no que sempre quixo estar", dixo o alcalde, quen destacou a "paixón" que sentía Antón pola historia e as raíces dunha vila que nunca o esquecerá.

A música das gaitas que tanto lle gustaban, a poesía, o himno galego e unha solta de pombas completaron unha homenaxe necesaria a un home que deixou un "importante legado que non se pode extinguir", concluiu a actual presidenta da irmandade, Sara Ramos, que tamén acudirá xunto a súa familia á homenaxe que o pobo de Lesneven -do Antón Ferreiro recibiu o recoñecemento de Cidadán de Honra- lle brindará o vindeiro día 30.

Comentarios