As Pontes limita as feiras a postos de alimentación, xardinería e ferramentas

A medida, de carácter provisional, empezará a aplicarse mañá 
Feria quincenal de As Pontes. C.ARIAS
photo_camera Feria quincenal de As Pontes. C.ARIAS

O Concello das Pontes só permitirá nas feiras quincenais, que se celebran todos os días 1 e 15 de cada mes, a instalación de postos de venda de produtos alimentarios (cociñados ou non), de froitas e de verduras, de produtos de xardinería e de ferramenta e de útiles para as labores do campo.

"Queda excluída a instalación daqueles postos que comercializan produtos distintos dos anteriormente enumerados", explican nun bando municipal dende o Concello pontés, ao tempo que indican que a decisión foi tomada porque "e pese ás múltiples advertencias efectuadas, moitos postos non están a cumprir co esixido" para evitar a transmisión do coronavirus.

A prohibición da instalación dos postos que non se inclúen na ordenanza, e que afecta sobre todo ao téxtil, "ten carácter provisional e quedará sen efecto cando, logo da avaliación das circunstancias concorrentes, a situación epidemiolóxica o permita", explican dende a administración local.

O Concello pontés, como sucedeu en moitos outros, suspendeu tódalas feiras debido á situación da crise sanitaria e retomou o evento quincenal o 1 de xullo, despois de recuperar semanas antes os mercados dos sábados. Na próxima feira, que será este martes, 1 de setembro, xa estará en vigor esta nova ordenanza e a Policía Local vixiará o seu cumprimento.

Comentarios