As Pontes homenaxea a Sabela nun multitudinario acto por Santa Icía

A cantante volveu subirse ao escenario do Alovi cos seus compañeiros da banda de música

O auditorio Alovi quedouse pequeno este sábado na homenaxe que a asociación Ruada, que integra aos músicos ponteses, lle brindou a Sabela Ramil con motivo de Santa Icía, un festival no que se puxo de relieve o espírito "dinámico, rico, natural, humilde e traballador" da intérprete, "a mellor embaixadora dos valores máis tradicionais da nosa sociedade".

Así de contundente se mostrou o rexedor, Valentín González Formoso, quen afirmou sentirse "moi orgulloso" da ampla cultura coa que conta unha vila na que Sabela puido iniciarse no mundo da música.

Ela mesma recordou que aos "dez anos e sen saber moi ben que tocaba" subiu por primeira vez ao mesmo escenario do auditorio municipal Alovi onde onte volveu tocar o clarinete cos seus compañeiros da banda de música das Pontes, que xunto ao coro infantil, ao grupo No Cómbaro, á Rondalla Vila das Pontes, á Coral Endesa e a banda xuvenil, foron os encargados de poñer a nota musical a un festival que se prolongou durante case tres horas e rematou co himno galego.

"Ver cheo este auditorio onde toquei tantas veces é unha marabilla", dixo Sabela, quen se amosou moi agradecida polo cariño do seu pobo e de todas as "agrupacións que fan un fermoso traballo levando o nome das Pontes por moitos lugares do mundo coa súa música", salientou a protagonista dunha homenaxe que o presidente de Ruada, José Castro, xustificou pola súa "coraxe por defender a nosa cultura nun programa cun compoñente comercial tan brutal". O ano pasado, Ruada xa lle fixo un recoñecemento por Santa Icía a Sabela, que coincidiu coa súa estancia dentro da academia de Operación Triunfo.

Comentarios