As Pontes acolle en maio e xuño cinco cursos de cine e produción audiovisual

A inscrición para esta actividade promovida pola Xunta de Galicia, e que impartirá a produtora local R3visual, estará aberta ata o día 4
Roberto Rego, de R3visual Produce. EP
photo_camera Roberto Rego, de R3visual Produce. EP

A Xunta de Galicia e R3Visual Produce organizan CreaXove, unha iniciativa pola cal se impartirán nas Pontes, concretamente no primeiro piso do mercado municipal, cinco cursos relacionados co cine e coa produción audiovisual. Desenvolveranse os venres e os sábados dos meses de maio e xuño.

As formacións que se inclúen neste proxecto, que terán unha duración total de 60 horas, son iniciación ao deseño en 3D, impartida por Javier Fernández; guión, a cargo de Ángel de la Cruz; estética, por Carolina Díguele e Isabel O’Connor; dirección de actores, materia da que se encargará Agustín Bolaños, e iniciación á edición de vídeo en Premiere Pro, que dará Rober Rego.

A iniciativa CreaXove está dirixida a toda a xuventude de Galicia comprendida entre os 16 e os 35 anos, que terá ata o vindeiro 4 de maio para anotarse en calquera dos cursos, que son totalmente de balde. Hai só 15 prazas en cada formación.

A inscrición pódese facer de forma online, nas direccións web que se poden atopar consultando as redes sociais de R3Visual Produce, en Facebook e en Instagram.