A ponte de Uriz estará pechada ao tráfico o venres e o luns

O motivo é a retirada de pólas de árbores do leito do río Ladra
Imaxe de arquivo de troncos na ponte de Uriz. AEP
photo_camera Imaxe de arquivo de troncos na ponte de Uriz. AEP

A Deputación de Lugo manterá cortada ao tráfico a estrada provincial LU-P-5101 á altura da ponte de Uriz, en Begonte, este venres e o vindeiro luns, 21 de decembro, para proceder á limpeza do río Ladra.

Os técnicos da institución provincial detectaron que no leito do río hai pólas de árbores que se acumulan nos arcos da ponte e dificultan que a auga continúe co seu curso de xeito natural. Esta incidencia trasladóuselle á Confederación Hidrográfica e será na xornada do venres e na do luns cando se efectúen os labores de limpeza.

Durante estes dous días, retirarase a maleza do leito do río. Mentres se executan estas obras, o tráfico será desviado por vías alternativas que estarán debidamente sinalizadas. As indicacións situaranse na rotonda do polígono industrial de Rábade, no cinto comarcal de Begonte e nos accesos procedentes de Pena de Rodas, Begonte, Outeiro de Rei e Friol.

XULLO. No mes de xullo xa se tivo que acometer unha operación similar. Naquela ocasión, operarios da empresa Tragsa, en concreto unha brigada de catro operarios co apoio dun camión-grúa, executaron a actuación. 

Dende a CHMS lembraron que a ponte de Uriz, dadas as súas características -é unha estrutura bicentenaria, de fábrica de pedra-. acumula con facilidade restos de árbores no seu cauce, o que "supón unha merma importante da capacidade hidráulica do mesmo, que, pola forza da auga, podería deteriorar a propia infraestrutura".

POLÉMICA. Esta problemática únese ás numerosas protestas dos veciños de Begonte e Outeiro de Rei sobre a tonelaxe permitida na ponte

A través de recollidas de firmas e concentracións intentaron frear esta sinalización. Por outra banda, tamén houbo queixas por arranxos que se demoraron, como o dunha das vallas da ponte.

Comentarios