O Recuncho de Antía Naveiras

Ponte Rodríguez: un lugar para regresar á nenez

Unha zona tranquila do Camiño Norte na parroquia de Boizán acolle esta fermosa estrutura construída sobre o río
Vista xeral da ponte, rodeada da vexetación e árbores na ribeira do río Trimaz. D.CABO
photo_camera Vista xeral da ponte, rodeada da vexetación e árbores na ribeira do río Trimaz. D.CABO

Todo peregrino sabe que saíndo de Vilalba, seguindo a ruta que marca o Camiño Norte cara a Baamonde, chegará a Ponte Rodríguez, unha zona tranquila onde gozar co suave son da natureza. Sobre as augas do río Trimaz, mesturando pedra e madeira, levántase unha preciosa ponte que separa as parroquias de Boizán e de Mourence. A construción, rodeada dunha densa vexetación pertencente á ribeira do río, non deixa indiferente a ningún viaxeiro.

Antía Naveiras, a dona da tenda de moda infantil Carapuchiña Vermella, sempre gozou visitando a ponte. Aínda que esta vilalbesa de nacemento viviu parte da súa infancia en Mérida, sempre volvía á zona na época de vacacións e recorda con moito agarimo as camiñadas coa súa avoa. "A ponte é un lugar moi bonito e significa moito. Cando eu era pequena e veraneaba aquí, levábame pola zona de paseo", recorda.

A pasarela da ponte con tablóns de madeira. D.C.
A pasarela da ponte con tablóns de madeira. D.C.

Ponte Rodríguez sempre lle pareceu un lugar "entrañable" porque, dende ben pequena, a súa avoa, veciña de Mourence, contáballe historias e anécdotas que ela mesma vivira no propio sitio durante a súa mocidade.

Ademais, este fermoso emprazamento a carón do río Trimaz agocha curiosos recantos. "Recordo que nos metiamos por corredoiras e campos, había unha cova agochada que me ensinou, pero dábame algo de medo", explica. O paradoiro desta gruta na actualidade é algo que a propia Antía descoñece.

A ponte, co hórreo, o cruceiro e a casa reformada ao fondo.
A ponte, co hórreo, o cruceiro e a casa reformada ao fondo. D.C.

Hoxe, ao cruzar a ponte, atópase unha casa restaurada, acompañada dun cruceiro de pedra e dun hórreo. Precisamente, esta é a zona que máis lle gustaba a Antía. "Esa casa preciosa e reformada, antes estaba abandonada e non vivía ninguén. Curiosamente, gustábame moito entrar e vela. Se fose miña, sería moi feliz", comenta entre risas.

Antía leva asentada en Vilalba 15 anos, pero xa non frecuenta tanto a zona de Ponte Rodríguez: "Recórdame moito á miña nenez, pero paso casualmente, se me coincide. Antes tiña máis tempo".
Porén, sempre que volve cruzar esta ponte, unha pequena parte da súa mente regresa a aquel momento no que unha nena de seis anos, collida da man da súa avoa, descubriu este recuncho por primeira vez.