O recuncho de Cristina Chao

A ponte do Colviño: un lugar seguro cheo de recordos

A carón desta estrutura sobre o rego de Coruxos, rehabilitada hai sete anos polo Concello na parroquia muresa do Viveiró, están moitas das lembranzas da infancia da apicultora
Ponte do Colviño, sobre o Rego de Coruxos, na parroquia do Viveiró. M.MANCEBO
photo_camera Ponte do Colviño, sobre o Rego de Coruxos, na parroquia do Viveiró. M.MANCEBO
Localización
Situada no barrio de Coruxos, na parroquia muresa do Viveiró, para chegar a ela hai que tomar o desvío da Paleira dende a N-540 á LU-P-3402. Unha vez no Campo da Feira hai que continuar a estrada cara a Silán e, en Xurrosa, tomar unha pista á man dereita. A pouco máis de dous quilómetros, despois do núcleo de casas e por un camiño público, chégase á ponte. 
Sendeirismo
O rego de Coruxos, afluente do Landro, dá nome a unha ruta de recente creación. Discorre pola base da Serra do Xistral, saíndo dende O Viveiró. Está sinalizada e hai paneis informativos sobre a fauna e a flora. 
Trail
Esta zona é tamén un dos puntos polos que pasa o Trail das Bestas, unha proba deportiva que cada ano recibe ducias de participantes. 

REGO DOS CORUXOS MURAS 10
Un dos paneis informativos da ruta. M.M.

É habitual idealizar lugares que visitamos unha soa vez, nunha escapada fugaz ou nunhas vacacións inolvidables. Ás veces custa un chisco máis elixir un recuncho especial na nosa contorna. Pero Cristina Chao ten claro, case sen pestanexar, que se hai un recanto idílico no seu Muras natal ese é o que está a carón da ponte do Colviño

Alí volven os recordos da súa infancia cando "os meus irmáns e máis eu iamos pescar cunha vara, un fío, unha alcaiata e unha miñoca", conta. "Non se nos daba moi ben a cousa", engade entre risas, sobre as poucas capturas —aínda que as había, porque era unha zona de boa pesca— que collían naquelas augas frías nas que tamén se deron máis dun baño, ante a mirada "das lontras, que en ocasións se deixaban ver".

"A auga estaba moi fría, pero non nos importaba", lembra con nostalxia, sobre aquelas xornadas nas que despois de botar unha man nas tarefas do campo, como recoller a herba, achegábanse a súa particular zona de recreo, na que tamén teñen compartido moitas merendas en familia

REGO DOS CORUXOS MURAS 6
Sendeiro a carón do río. M.M.

E alí volve, sempre que pode, a pasear cos seus cans "polo sendeiro que vai ao lado do río". Especialmente con Hanzo, "que apareceu abandonado e tiña pánico ao ser humano", explica. "Alí era onde iamos adestrar, era o noso lugar seguro, onde os dous aprendimos a confiar", conta Cristina, que destaca "a tranquilidade" e a "paz" que alí se respira. 

Iso pese a ser punto de encontro de sendeiristas e afeccionados á micoloxía, motivos polos que é unha zona transitada. "Hai sete anos amañouse a ponte. O único que non me gusta é a morea de terra que quedou alí e que pola facilidade coa que se chega en coche, en ocasións parece un aparcadoiro", di, mentres volve ás bondades: "Escoitar o son da auga e dos paxaros é rexenerador, permite ‘resetear’".

E é que alí ten tamén, no Coto do Río, as súas colmeas dende hai tres anos. "O nome comercial é Picos de Coruxos, fai referencia ao nome co que se coñecía a nosa casa cando vivía meu bisavó, pero tamén a eses montes onde se alimentan as nosas abellas", di, consciente de que o seu mel ten moito de breixo, pero tamén das historias que beben das augas do rego sobre a ponte do Colviño.

Cristina Chao
Cristina Chao coas súas colmeas. AEP

Comentarios