A política muresa ten moito futuro

Os doce alumnos do Ceip Antía Cal visitaron o concello e presidiron un pleno no que propuxeron darlle cor ao peche do seu colexio, unha iniciativa que o goberno local estudará
O rexedor, Manuel Requeijo, cedéndolle o micrófono a Xoel, un dos alumnos máis novos. M.MANCEBO
photo_camera O rexedor, Manuel Requeijo, cedéndolle o micrófono a Xoel, un dos alumnos máis novos. M.MANCEBO

"Somos importantes, estamos nunha mesa de políticos". Así de entusiasmados chegaron ao salón de plenos os doce alumnos do Ceip Antía Cal de Muras, que o luns viviron unha xornada inesquecible. Non só visitando a casa consistorial, senón tamén meténdose na pel dos seus gobernantes presidindo un pleno no que quedou máis que demostrado que a política muresa ten futuro.

"Decidimos organizar esta saída para conmemorar o Día da Constitución. Pareceunos idóneo que coñecesen o concello e o labor que se desenvolve nel", explicou Gladys Enríquez, a directora dun centro que conta con oito alumnos en primaria e catro en infantil.

Todos, sen excepción, percorreron con ilusión as dependencias municipais, onde pudieron coñecer a José Antonio, que leva 40 anos como funcionario nun inmoble que albergou as antigas escolas antes de que se fixese o actual colexio a finais dos anos 80, tal e como lles contou.

PLENO MURAS INFANTIL (32)
Os alumnos do Ceip Antía Cal falando co funcionario José Antonio. M.MANCEBO

Despois achegáronse ao despacho de Josechu, o contable, con quen falaron de números e matemáticas, unha asignatura que a algúns se lles atragoa, segundo recoñeceron eles mesmos.

O rexedor, Manuel Requeijo, que á chegada os convidou a un chocolate con doces na zona da biblioteca -Xoel, un dos máis pequenos, confirmou que estivera "moitas veces alí"-, tamén lles abriu as portas do seu despacho, onde lles contou como era o seu día a día entre papeis "e escoitando aos veciños para coñecer as súas necesidades".

"Pois eu pensei que no concello habería menos xente", reflexionaba en alto Vega, mentres o seu compañeiro Cristian afirmaba expectante que el o que esperaba era ver esa mesa en forma de "semicírculo na que falan os políticos".

PLENO MURAS INFANTIL (48)
No despacho do alcalde. M.MANCEBO

"Agora imos ao salón de plenos", contestoulles a concelleira de Educación, Paula Gómez, quen quixo explicarlles o difícil que era ás veces ter que tomar decisións. "É complicado que lles guste a todos, pero temos que pensar en que é o mellor para o noso Concello", engadiu, mentres por parellas descendían as escaleiras e se colocaban nas cadeiras do salón de plenos.

Alí, os doce alumnos do Ceip Antía Cal presidiron unha sesión atípica, na que dos micrófonos saíron moitos "bos días" e poucos reproches, e na que houbo unha proposta que centrou toda a atención de Requeijo e Gómez.

Vega, que estivo moi incisiva facendo preguntas durante toda a visita, exerceu tamén de secretaria e foi a encargada de ler un escrito asinado por todos os seus compañeiros no que lle propoñían ao goberno local encher de cor o peche do seu colexio.

PLENO MURAS INFANTIL (292)
Plantación das árbores na Praza da Galeguidade. M.MANCEBO

"Estudaremos a proposta. Nun prazo de dous meses trataremos de trasladarvos a decisión", díxolles o rexedor, mentres lles preguntou se algún se animaría nun futuro a ocupar o seu posto. Cristian, Pablo e Vega non dubidaron nin un segundo en levantar a man.

"Oxalá haxa ese relevo tan necesario nas institucións", pediron en voz alta os actuais mandatarios locais, antes de saír pola porta do concello para deixar testemuña dun día tan especial plantando dúas árbores na Praza da Galeguidade. O debate está servido. Agora toca chegar a acordos para poñerlles nome.

Comentarios