Un grupo de mozos lucenses traballan na creación dunha escola infantil en Kenia

A ONG Amor sin Barreras, na que participan os lugueses Lara Lozano e Aberto e Carla Ferreiro, comezou a xestión e a organización do proxecto que se espera que esté rematado en novembro
undefined
photo_camera Construcción da gardería. AMOR SIN BARRERAS

Lugo e Kenia están máis preto do que parece, e non pola distancia, xa que é preciso un amplo abano de medios de transporte e de tempo para chegar dun lugar a outro, senón pola unión que forxaron Lara Lozano, de Cospeito, e Alberto e Carla Ferreiro, pai e filla de Outeiro de Rei, a través da ONG Amor sin Barreras.

A ONG, fundada por Ana Baz, de Álava, traballa actualmente na construción dun centro de educación infantil en Turkana, Kenia. Un proxecto que conseguiu ilusionar a estes lucenses que puxeron a súa experiencia e os seus coñecementos ao servizo de Amor sin Barreras.

Os comezos de calquera proxecto son complexos e conseguir o financiamento para unha obra de tal envergadura foi unha tarefa ardua. Para logralo foi preciso o traballo de Alberto Ferreiro, mentor en Reimpulse Mentoring, que ideou a estratexia para recadar o diñeiro suficiente para facer realidade este soño.

Para elo creou a campaña 'Os 100 de Turkana', que consiste nunha única doazón de 1.000 euros por parte de cen empresas, e na súa participación activa no proxecto. Os fondos deste programa -tras lograr xa os 60.000 euros para a construción a través de doazóns- dedicaranse integramente á xestión do centro durante os primeiros tres anos de percorrido.

A campaña segue en activo e continuan buscando empresas que colaboren coa ONG para completar o obxectivo, e todos os que queiran colaborar poden atopar a información na páxina web www.amorsinbarreras.com.

Ferreiro non só se encargou de idear a liña de recadación, tamén axudou a crear o equipo humano. Foi nese momento no que Lara Lozano, unha xornalista de Cospeito, entrou no proxecto para axudar nas tarefas de comunicación e exercer o labor de secretaria.

Agora, tras meses de traballo, puideron viaxar ata Turkana para ver os avances das obras do centro de educación infantil que xa botaron a andar. "O primeiro contacto sobre o terreo permitiunos ver que a construción estaba xa moi avanzada e puidemos ver ata paredes levantadas", explica Lara Lozano, abraiada da velocidade que leva a construción, que prevén que estea rematada en novembro.

A función dos viaxeiros -Ana Baz, Lara Lozano e Alberto e Carla Ferreiro- era a de xestionar e coordinar a loxística das obras, tendo en conta ademais as dificultades que existen no lugar para conseguir materiais e transportalos.

"Alí non pides ladrillos, fanos eles mesmos con moldes, pero o máis complicado é conseguir os materiais e transportalos, xa que teñen que ir en camión e facer un recorrido duns 200 quilómetros", sinala Lozano. Outro dos obxectivos da viaxe foi a de coñecer aos nenos que estarán no centro.

A gardería estará rematada no mes de novembro e recibirá os primeiros nenos en xaneiro, tras ter formado o persoal

Un dos aspectos nos que inciden dende a ONG é a súa intención de dar ferramentas e oportunidades á poboación turkana, por iso ademais de construír un centro educativo dirixido a uns 30 nenos de menos de oito anos, o propio levantamento do edificio está nas mans duns 200 traballadores e traballadoras locais que viron na construción unha oportunidade de traballo.

De igual modo, a ONG contratará e formará a persoas locais para traballar no centro unha vez comece a funcionar, previsiblemente no mes de xaneiro. Contan tamén coa axuda e a experiencia da ONG Aztívate que posúe un centro pediátrico no lugar.

A gardería chamarase centro de educación infantil 'Pole Pole'. É unha expresión que empregan os locais que "significa amodiño, pouco a pouco, eles úsano moio", comenta Lara Lozano.

Para os viaxeiros esta foi unha oportunidade de rachar coas ideas que, sen sabelo, transportaban nas súas maletas. "Cando chegas alí daste conta de que en Occidente perdimos a esencia do ser humano", comentaba Alberto Ferreiro.

Con el foi tamén a súa filla Carla, de doce anos, para a que esta experiencia foi toda unha aventura. "Exerceu de profesora dun grupo de nenos e nenas e todos estaban moi atentos ao que dicía, sentiuse moi útil porque mentres as nais traballaban na obra ela axudou entreténdoos", explica o pai.

O propósito final de Amor sin Barreras en Turkana é dar ferramentas aos locais a través deste centro respectando a súa esencia e buscando que eles mesmos, co apoio da ONG, constrúan un futuro proveitoso para que os nenos e nenas do hoxe cheguen ata onde eles queiran no futuro.

Comentarios