ESPECIAL A CHAIRA

Pol destinará máis de 800.000 euros ao cambio de todo o alumeado público

O Idae subvencionará o 80% do orzamento e as arcas municipais, que aforrarán un 70% do recibo, o 20% restante. Serán substituídas 1.700 luminarias 
Alumeado navideño de Mosteiro, en Pol. EP
photo_camera Alumeado navideño de Mosteiro, en Pol. EP

O Concello de Pol, engalanado nestas datas polas luces de Nadal, inicia o ano 2022 cunha aposta polo aforro e a eficiencia enerxética co cambio de todas as luminarias do alumeado público do municipio. En total, destinará 839.247,77 euros a un extenso proxecto que supón a substitución de 1.701 lámpadas por novas luminarias led de baixo consumo. 

O contrato desta actuación foi adxudicado o pasado mes de outubro á empresa Manuel Novoa Castro SL, de Monterroso, nun concurso público ao que se presentaron un total de cinco firmas. A previsión é iniciar os traballos a partir do próximo 10 de xaneiro. 

Do orzamento, o 80% será financiado polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (Idae), que concederá ao Concello 671.398,21 euros. As arcas municipais achegarán o 20% restante, o que supón un desembolso de 167.849,56 euros. 

"O proxecto abarca a capital municipal, Mosteiro, e todas as parroquias, todos os barrios, imos deixar iluminado o 100% do concello", indica o alcalde de Pol, Lino Rodríguez, que engade que incluso "nos pequenos proxectos anteriores tamén se substituirán as luminarias". 

A instalación da luz pública conta con máis de 30 anos no municipio e xera problemas, que se resolverán co novo proxecto 

"A maior parte da instalación ten máis de 30 anos de uso e as luminarias están dando problemas, fallan as fotocélulas ao acender ou apagar e hai algúns cables estropeados, debido a roces de árbores e outras causas", indica o rexedor, que fala da necesidade de modernizar un sistema antigo. "Agora, en vez de fotocélulas farase a través dun reloxo astronómico", di, e avanza que todas as luminarias serán da mesma cor e acenderán e apagarán "ao mesmo tempo»" aínda que o horario está por determinar. 

O proxecto, ademais, inclúe renovar todos os centros de mando e suporá un aforro moi importante para as arcas municipais. "No proxecto indícase que o aforro será dun 70% no consumo das luminarias", di o alcalde, que calcula que se na actualidade están a pagar máis de 50.000 euros de factura de luz e que o reto será baixar dos 20.000. 

"Primeiro imos colocar todo e ver a realidade das contas, pero temos moito onde investir, áreas moi desequilibradas con servizos que supoñen un gran gasto, como a auga, onde perdemos máis do 40% ou o lixo, onde recadamos moito menos do que costa", di o rexedor, que asegura que é o Concello o que asume o 100% da factura do alumeado municipal

O Concello gasta actualmente 50.000 euros no recibo da luz e estima que tras as substitución baixará dos 20.000 

"Non hai luminarias enganchadas nas casas", di, mentres indica que "faltan só algunhas ganderías novas, pero todo o mundo ten luminarias ao pé da casa e das granxas". Todas as luces serán led e da mesma cor, respectuosas co medio ambiente, de 35 vatios no medio rural e de 60 no centro de Mosteiro, onde hai rúas anchas ou pasos de peóns. "É unha redución con respecto ás actuais, pero ao ser led nótase", di. 

Comentarios