O Certame de Poesía Torre de Caldaloba estrea novidades na súa quinta edición

O principal cambio é a unificación das dúas categorías existentes ata o de agora nunha soa, para maiores de 16 anos
Armando Castosa, Inés Lozano, Martiño Maseda e Elena Veiga, na presentación do certame. C.PÉREZ
photo_camera Armando Castosa, Inés Lozano, Martiño Maseda e Elena Veiga, na presentación do certame. C.PÉREZ

A Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, o Concello de Cospeito e Culturalia GZ unen forzas unha vez máis, e xa van cinco edicións, para convocar o Certame de Poesía da Torre de Caldaloba, que nesta ocasión presenta importantes novidades.

A máis salientable, tal e como destacaron os organizadores, é a unificación das dúas categorías existentes ata o de agora, para maiores e menores de 18 anos, nunha soa, na que poderán participar os maiores de 16 anos. Ademais, os participantes, a diferenza das catro convocatorias previas, só poderán concorrer cun único poemario co que aspirarán a un primeiro e a un segundo premio. Ámbolos dous inclúen a publicación da obra e, ademais, a persoa gañadora recibirá unha gratificación de 1.500 euros.

O prazo de presentación de orixinais, que deben ter entre 300 e 600 versos e estar escritos en galego –as bases pódense consultar na web do certame–, estará aberto ata o 11 de outubro, o ditame do xurado farase público antes do San Martiño e o 19 de novembro levarase a cabo a entrega de premios no local social de Pino. As obras editadas, se todo marcha segundo o previsto, sairán no Nadal.

O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, desexou que o certame, xa consolidado, teña "un gran futuro", ademais de referendar que está a conseguir un dobre obxectivo: promocionar a torre e o municipio e a lingua galega e a literatura, unha idea na que tamén incidiu o responsable de Culturalia GZ, Martiño Maseda.

O acto de presentación, celebrado no salón de plenos cospeités, contou tamén coa participación da presidenta da asociación de Pino, Inés Lozano, e da concelleira Elena Veiga, veciña desta parroquia.

Comentarios