viernes. 15.11.2019 |
El tiempo
viernes. 15.11.2019
El tiempo

Poemas dun cantautor

José Torres. XESÚS PONTE
José Torres. XESÚS PONTE
O begontés José Torres, natural de Saavedra e afincado en Lugo, vén de publicar o seu primeiro libro, no que recolle versos, letras e partituras escritos ao longo da súa vida

"Son máis ben músico que escritor", di José Torres Piñeiro, natural da parroquia begontesa de Saavedra e afincado en Lugo dende hai pouco máis dun ano, despois de moito tempo fóra de Galicia. Quizais iso sexa o que a súa traxectoria lle facía pensar, porque leva toda a vida exercendo de cantautor afeccionado, convertendo en arte a súa voz e tocando diversos instrumentos, dende varios medievais ata a guitarra de sempre, pasando por frautas e teclados. 

Quizais sexa porque o seu berce o inspira, pero tamén deixa sobradamente probada a súa valía como compositor, con pezas coma a Salve que lle dedicou á Virxe dos Milagres de Saavedra ou a Muiñeira de Begonte, gravada polo grupo de música tradicional Searas de Chantada.

Probablemente el tardase en verse a se mesmo como escritor, pero non lle ocorreu o mesmo a Ediciones Camelot. Unha vez que en José se asentou a idea de recompilar todos aqueles traballiños que fora facendo co paso dos anos, unha mestura de cancións, poemas, partituras, composicións... escritos en diferentes momentos e lugares, froito de etapas vitais distintas, organizou todo e remitiullo á editorial. 

O libro recolle a Muiñeira de Begonte, que gravou un grupo de Chantada, ou unha Salve dedicada á Virxe dos Milagres de Saavedra

"A resposta foi un contrato de publicación", lembra, quizais aínda un pouco sorprendido pola rápida e positiva aceptación. "Nunca pensei que se fose publicar", confesa, levando por un momento á memoria aquel momento no que obtivo a resposta favorable: "Fíxome ilusión".

Xurdía así un libro cuxo título xa o di todo, Poemas y canciones de una vida, aínda que é entre versos e notas onde se atopa a esencia duns sentimentos e sensacións que definen a folla de ruta de José. E abríase a porta a novas posibilidades e experiencias. Logo de presentar a obra na librería Trama de Lugo, no Filandón do Courel ou na Casa do Libro de Santiago, sabe que haberá máis convocatorias.

Quizais José xa empece a sentirse un pouco máis escritor, definindo novos proxectos. Outro libro de poemas e unha novela. Porque como escribía en Laredo, en 1967: "E agora que son grande/ coma outro calquera/ eu vivo a miña vida/ da miña maneira". Quizais daquela xa soubera que este momento chegaría.

Poemas dun cantautor
Comentarios