O poder "eufónico" de Fernán Vello figura xa no Paseo dos Soños de Vilalba

O poeta e editor cospeités contemplou onte por primeira vez o Hectómetro Literario que Xermolos e a Irmandade Manuel María colocaron na súa honra ao pé do río Magdalena
undefined
photo_camera Fernán Vello, fronte ao Hectómetro Literario que lle adicaron en Vilalba. M. MANCEBO

O poder "eufónico" da poesía de Miguel Anxo Fernán Vello, esa "sonoridade grata e melodiosa" das verbas que o poeta e editor cospeités foi plasmando ao longo das últimas décadas nos seus poemarios, obras de teatro e inesgotables artigos fixérono merecedor de entrar a formar parte do Paseo dos Soños de Vilalba.

Onte, e despois de que o acto fose adiado ata en dúas ocasións pola pandemia, inagurouse ao pé do río Magdalena o 14º Hectómetro Literario, creado polo escultor Valdi, a petición da Irmandade Manuel María e da asociación cultural Xermolos, promotores desta iniciativa que conta coa colaboración do Concello vilalbés.

Antes de que os asistentes contemplasen esa peza na honra de Fernán Vello -que trata de repasar os múltiples vieiros polos que transita o homenaxeado, dende o mundo das palabras ata a súa afección pola música-, estes puideron profundizar máis sobre o seu traballo da man de tres bos amigos.

Teresa Seara destacou del "a súa elegancia" e a súa "profunda lucidez", ademais "do seu compromiso indestrutible coa terra", e definiu a súa editorial Espiral Maior "como un centro de irradiación poética" sen comparacións.

Xulio López Valcárcel incidiu na súa "coherente, ascendente e intachable traxectoria", mentres repasou algunhas das características da súa poesía, comparándoas con outros autores, e cualificando a súa obra de "vasta, rica e plural".

Por último, Luz Campello, que o recoñeceu como o seu "padriño poético", definiu o seu traballo como "transformador". "É un mestre da palabra, que pasará a formar parte para sempre do caudaloso Paseo dos Soños, como un dos grandes escritores vivos do movemento ilustrado do noso país", afirmou.

O protagonista mostrouse encantado. "Unha das cousas que nos fai ser felices é estar agradecidos, e eu hoxe, estou moi agradecido", manifestou Fernán Vello, quen quixo ter un detalle especial con Alfonso Blanco, o coordinador de Xermolos e o seu predecesor no Hectómetro Literario, ao que lle adicou o poema "Paisaxe viva" e que leu no acto de onte.

Alí no Muíño do Rañego, os promotores recordaron que en vindeiras datas -previsiblemente o último fin de semana de outubro ou o primeiro de novembro- celebranrase os actos do 15º Hectómetro Literario na honra a Víctor Corral.

Comentarios