ESPECIAL A CHAIRA

O poder do vento tradúcese en cifras en Muras

O Concello murés encargou un estudo á Universidade de Vigo para afondar no impacto territorial, económico, ambiental e enerxético que teñen os parques eólicos no municipio que máis aeroxeradores alberga de toda Galicia
Muras, Xermade y Ourol ya fueron los municipios receptores en 2021. AEP
photo_camera Vista ao fondo dun parque eólico no concello de Muras

É o concello galego con maior potencia instalada procedente da enerxía eólica. Muras, en plena Serra do Xistral, ten unha media dun aeroxerador por cada dous habitantes: cunha poboación de 619 persoas alberga 19 parques eólicos que suman 380 muíños de vento.

"Todos sabemos que existen moitos viraventos que comezaron a sementar polas nosas parroquias a mediados dos anos 90, que producían enerxía eléctrica e moitos cartos, mais descoñeciamos e descoñecemos o mundo que se esconde detrás deles", explica o rexedor Manuel Requeijo, quen, para afondar no impacto que teñen os parques eólicos no municipio, encargou da man do equipo de goberno local un estudo á Universidade de Vigo co obxectivo de darllo a coñecer á veciñanza.

Entre as conclusións acadadas en Enerxía eólica en Muras: análise do seu impacto territorial, económico, ambiental e enerxético, recóllese que os xigantes eólicos esténdense ao longo de sete das oito parroquias do concello —só no Sixto non hai aeroxeradores—. Os parques mureses contan con 264,4 MW de potencia, o que significaría que desde o ano 2005 a electricidade xerada serviría para cubrir o consumo de todas as familias da provincia de Lugo.

No ámbito económico determínase que dende 2010 "a Xunta recadou anualmente nos parques de Muras a cantidade de 2,22 millóns de euros". Dos cales, a máxima cantidade que reverteu no Concello foi no ano 2012 a cifra de 655.000 euros. A partir dese ano reduciuse a contía ata alcanzar o mínimo do ano actual (506.000 euros). Esas cantidades representan entre o 22,7% e o 29,5% do total recadado polo Goberno galego en Muras a través do canon eólico.

"Parécenos de xustiza que os veciños saiban as cifras reais e teñan a información que non se lles deu no seu momento. En Muras estamos a favor da enerxía eólica, pero tamén estamos a favor de poñer as cartas enriba da mesa. A Xunta danos unha esmola de todo o que recada pola enerxía producida nas nosas terras e consideramos que debería de reverter moito máis en favor dos mureses", di Requeijo.

En canto ao impacto territorial, a superficie vinculada aos parques eólicos pasou de ser rústica a ter a categoría de superficie rústica de protección de infraestruturas, vinculadas coa enerxía eólica. Esta consideración conleva a imposición dunha serie de limitacións directas do dominio deses terreos afectados, ben pola ocupación directa e material dos terreos ou ben pola constitución de servidumes. En total, en Muras hai 2.016 hectáreas que mudaron de clasificación urbanística e, polo tanto, de usos permitidos. "A xente en moitos casos non sabe destas limitacións, nin de todo o que conleva a instalación dun eólico nun terreo propio. Con este estudo queremos que a cidadanía teña a información para poder actuar en consecuencia", di o alcalde, quen avanza que o estudo ao completo, que estivo dirixido por Xabier Simón e M. Montero, será presentado proximamente.

O consumo eléctrico está subvencionado
No ano 2016 o Concello puxo en marcha unha pioneira iniciativa para subvencionar o consumo doméstico de electricidade dos veciños. Inicialmente este programa situaba en 500 euros o límite anual da axuda por unidade familiar. Desde o ano 2020, ese límite situouse en 600 euros e púxose en marcha unha segunda liña para os autónomos ou pequenas empresas industriais, agrogandeiras ou comerciais que desenvolvan actividades económicas en Muras, fixando unha contía anual tope de 1.500 euros.

Comentarios