O poder do líquido elemento

O pontés Miño Guerreiro, a través da ONG Exeñería sen Fronteiras, participa estes meses en Honduras nun proxecto polo que facilitan o acceso á auga a miles de persoas de zonas rurais, unha "gran experiencia de aprendizaxe e transformación persoal"

Miño, nunha sesión de capacitación en Honduras. EP
photo_camera Miño, nunha sesión de capacitación en Honduras. EP

Leva tempo ligado ao mundo da cooperación -en 2014 empezou a participar con Enxeñería Sen Fronteiras nos grupos de acción nacionais- e este verán o pontés Miño Guerreiro decidiu cruzar o Atlántico a principios de agosto para "participar de forma directa" en Honduras nun "proxecto de fortalecemento das capacidades locais para a planificación e xestión pública da auga" que promove a ONG galega en colaboración coa Oficina de Cooperación do Voluntariado da UDC na mancomunidade de Nasmar.

"Dentro deste marco global estou centrado noutro proxecto financiado polo Concello de Compostela no municipio de Triunfo. Estamos desenvolvendo unha metodoloxía de xestión pública de calidade, integrando a transparencia da xestión e a participación das aldeas e empregando como proxecto piloto a construción dunha rede de abastecemento a cinco barrios", explica o pontés, que indica que o seu traballo "é servir de apoio ao equipo técnico de Triunfo e participar en diversas actividades de capacitación e formación".

"Aínda que nós teñamos moito que aportar na parte que ten que ver co acceso á auga e ao saneamento, na parte de transparencia, rendición de contas e ferramentas de participación, teño moito que aprender e levar á volta", di Miño, que valora a oportunidade que está a ter "de tomar consciencia doutra realidade totalmente distinta".

"Participando na xunta directiva de Enxeñería sen Fronteiras coñecín dun xeito máis estreito os programas internacionais de cooperación para o desenvolvemento e a nivel de plantexamento filosófico concordo totalmente con como se traballa, nunca facendo inxerencias na soberanía dos pobos nin das organizacións que son as nosas socias locais, nin cun enfoque paternalista, sendo consciente de que moitas veces a orixe das desigualdades están nos propios países dos que procedemos os cooperantes", di Miño, que pasará tres meses en Honduras nun proxecto que define como "unha gran experiencia de aprendizaxe e transformación persoal".

"Entendo a cooperación como algo de rutina diaria" que "estableza sinerxias nas relacións" e onde "todas as partes gañen", di o pontés, que destaca que "se non se acompañan estes labores internacionais cun traballo educativo nos países desenvolvidos, todo o que se faga será papel mollado".

A través do proxecto concreto no que el traballa beneficiaranse cun mellor acceso ao líquido elemento unhas 700 familias -3.500 persoas calculan-, "aínda que a realidade é que co enfoque de fortalecemento e capacitación dos órganos que se adican á xestión dos recursos hídricos, conséguese moito máis impacto", indica Miño, que asegura que no proxecto global financiado pola Xunta as persoas beneficiarias multiplicaríanse ata as 26.0000.

"Honduras é un país cunha institucionalidade moi débil. Iso fai que as comunidades queden dalgún xeito algo desamparadas e teñan que afrontar unhas dificultades tremendas", di, e destaca que un informe da OMS-Unicef do ano 2017 cifra nun 15% a poboación sen acceso a unha fonte de auga xestionada de xeito seguro, "aínda que en zonas rurais, como no municipio de Triunfo, poderiamos falar dun 50%", apunta.

"Isto fai que a auga sexa un eixo central na vida destas persoas, algo do que é difícil ser consciente sen vivilo. Supón unha carga en saúde, en horas de adicación a recollela, en custos... cargas que soportan principalmente as mulleres e as nenas", di Miño, que encontra notas positivas entre as dificultades.

"Esa necesidade xera un sentimento de pertenza do recurso, de ganas de participar, de unidade e de comunidade do que temos moito que aprender, ou recordar, porque penso que na Galicia rural ata os anos 90 sucedía algo parecido", subliña.

A súa experiencia en Honduras prolongarse ata finais de outubro e o seu obxectivo é voltar a As Pontes "con novos coñecementos e perspectivas para seguir contribuíndo" en modelos de transparencia, participación e rendición de contas na xestión da auga. Antes de dar o salto a través do Atlántico colaboraba co Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da UDC neste ámbito.

Comentarios