Pleno de podios para os de Árbol

 A comparsa da Asociación Cultural e Deportiva de Árbol, Os Estacionados, conseguiu arrasar co primeiro premio en cinco desfiles, entre eles o de Lugo, e rematou con dous bronces, no de Castro de Ribeiras de Lea e no de Lourenzá

Os Estacionados en Castro. S.IGLESIA
photo_camera Os Estacionados en Castro. S.IGLESIA

A orixinalidade desbócase cando chega o Entroido, pero a imaxinación xa o fixo meses antes para que, chegado o momento, dese os seus froitos. Os integrantes da comparsa Os Estacionados, da Asociación Cultural e Deportiva de Árbol, en Vilalba, comezan no mes de outubro a preparar a cita con don Carnal e, con incontables horas e esforzo ás súas costas, poden dicir que o traballo mereceu a pena. A creatividade levounos a representar nesta ocasión as catro estacións do ano cun elemento común, o castiñeiro

O grupo, formado por 27 nenos e adultos, conseguiu facer un pleno de podios, con maioría de ouros —nos desfiles de Cospeito, Carballido, Outeiro de Rei, Xermade e Lugo—, dúas pratas —no apartado de parellas, como Copitos de Neve, e na categoría de comparsa, como As Cousas da Terra, do concurso infantil de Hermo— e dous bronces —en Castro de Ribeiras de Lea, só superados por Os Revoltosos con King Kong, de Sarria, e por Willy Fog, de Cariño, e en Lourenzá, "a ‘champions’ do Entroido"—. 

A creatividade levounos a representar as catro estacións do ano cun elemento común, o castiñeiro

Unha colleita de éxitos para un traballo que comezou coa idea xurdida "entre todos, nunha das xuntanzas que facemos", explica Paula Seoane, membro da asociación, e que continou coa recollida de castañas, ourizos e landras para darlle forma aos elementos do outono, todo feito de xeito manual, "ata as follas dos castiñeiros, pintadas á man", engade Paula, a muller que se esconde baixo un ourizo andante "que pesa uns 35 quilos", din os seus creadores.

Un caracol que vai polo chan —"a sensación da comparsa"—, xirasoles, cogomelos, nabos, un palleiro, bolboretas, unha espiga de millo e unha cabaza, landras, margaridas e neve fan as delicias dun público que non pode evitar a sorpresa cando o grupo sae a escena. Ao xurado deléitano cunha comparsa que representa "algo tan noso" e "que nos deu moito traballo, pero tamén moitas alegrías".

O traballo comezou coa recollida de castañas, ourizos e landras para darlle forma aos elementos do outono

A experiencia é un grao e para eles este é o cuarto ano no que desfilan como grupo, logo de que o primeiro foran de dominó e se deran "conta de que para gañar había que esforzarse máis". Logo, aventuráronse coa Arca de Xosé, feita con animais "de por aquí", e o pasado ano con Os de Fóra, uns peculiares extraterrestres.

E aínda que din que o máis importante é a unión que se crea, "non só entre os que nos disfrazamos, senón tamén cos que colaboran, como Iván García Calaza, que pon a voz á narración que acompaña a representación", o certo é que gañar en Lugo foi "un luxo, porque alí non eramos ‘os de Árbol’, eramos un número máis das comparsas", explica Paula, quen tamén recoñece que o nivel de Castro e de Lourenzá "era incrible", así que o mérito é maior.

Polo momento, queda recuperarse da resaca de premios e "pensar na cea coa que imos celebrar", sen pensar na idea do ano que vén, aínda que algunha cousa rondará xa pola imaxinación.

Comentarios