Plenario Veiga: "As nosas camisetas chegaron á tribo dos masais, en Kenia, e a un dos polos"

O Tibor é un dos pubs máis existosos da movida nocturna na zona, un lugar onde se reúnen nos seus concertos e festas temáticas centos de mozos de diferentes puntos da provincia. O seu propietario, Plenario Veiga, cre que a clave do éxito é "ofrecer cousas diferentes"

Plenario Veiga. M.MANCEBO
photo_camera Plenario Veiga. M.MANCEBO

Sendo da Pontenova, por que escolleu Meira para abrir o Tibor?
Pareceume un lugar ben situado e ademais coñecía moita xente nesta zona.

Xa viña do sector hostaleiro?
Non. Eu son mecánico e digo que o sigo sendo (ri). Pero tirábame este sector, gústame tratar coa xente.

Cando iniciou a súa andaina no pub hai case seis anos, pensaba que funcionaría tan ben?
Sempre que empezas un proxecto o fas de maneira optimista. Pero non pensaba que fose tan ben, a verdade é que non nos podemos queixar.

Mantivo o nome que xa tiña o bar. Fíxoo por algún motivo?
Un pouco por respecto á xente que ten vido por este local noutras épocas nas que tamén funcionaba moi ben.

O que lle deu foi unha volta a nivel de imaxe. 
Si, creamos un logotipo e pouco a pouco, por petición da xente, empezamos a sortear camisetas. O número é incontable, agora moitos que non poden vir ás festas xa nolas piden.

E hai camisolas por medio mundo. Onde foi o lugar máis curioso ao que chegaron?
Probablemente a Kenia. Un amigo noso foi alí de safari e sacou unha foto cuns masais. Tamén outra parella a levou a un dos polos. Moita xente cando marcha de viaxe pide camisetas para levalas e retratarse nas vacacións. Estamos pensando en crear unha sección para ir subindo todas as imaxes, temos moitísimas pendentes.

Só lles falta chegar á televisión.
Na tele non saímos, pero andarache cerca a cousa (ri).

Plenario Veiga. M.M.Si saíron cando detiveron os ladróns que roubaran en campos de fútbol. No botín había camisetas da UD Pastoricense co seu patrocinio. Foi o primeiro equipo ao que lle botaron unha man?
Si. Había moitos clientes dentro do club e decidimos facer un intercambio, haberá catro anos máis ou menos. Despois colaboramos con moitos outros equipos como o Ribeira FS, o CB do Lea de Castro, o Lugo Sala, a SD Muimenta ou co piloto polense Abel Carballés. A xente é moi agradecida, fannos publicidade e axúdannos coa boa marcha do local. É algo recíproco.

Moitos destes son clientes, pero cal é o perfil da xente que desfruta das noites no Tibor?
Hai de todo, pero a media de idade ronda os 30 anos. Vén xente de Meira e dos arredores: Ribeira de Piquín, Riotorto, Castro de Ribeiras de Lea, Pol, A Pontenova, Cospeito... En días especiais incluso de Vilalba ou de Sarria e, aínda que choca, tamén xente da Mariña e de Asturias. Por esa zona tamén me coñecen ben.

Algún famoso que se deixara ver polo Tibor?
Pois dende políticos como o alcalde de Pol, que veu hai pouco á presentación da tempada de Carballés, ou Besteiro, a cantantes como Lucía Pérez ou os integrantes de Heredeiros da Crus. E polo tema da película ‘Dhogs’, Miguel de Lira e Carlos Blanco tamén viñeron varias veces por aquí.

Como logran que se achegue tanta xente e de tan lonxe? Cal é a clave do éxito?
Tratamos de dar unha oferta o máis ampla e diferente posible. Normalmente empezamos cun programa de actividades en novembro e estendémolo ata maio con actuacións en directo de xéneros variados, dende rock a pachanga. Tamén traemos djs, ademais de Leiva que é amigo da casa, e organizamos algunha festa temática polo Entroido ou no Halloween.

A última actuación foi a de Tonhito de Poi esta fin de semana. Que teñen programado para os vindeiros meses?
Pois estamos preparando o sexto aniversario do local, que será o venres 19 de xullo. Antes, polo mes de xuño, e por primeira vez, gustaríanos facer unha festa do deporte, con todos os clubs que patrocinamos, pero o tema está aínda sen pechar. E durante todo o verán, dende xuño a setembro, teremos unha promoción á que lle chamamos os xoves de caldeiros. Sempre imos promovendo cousas novas e tamén nos achegan ideas os clientes.

Son unha gran familia?
Si, cada vez hai máis tiborenses e tiborensas (ri). O pub ten varios hashtags, entre eles #tiborízate, #nontencura ou #cadavezsomosmáis. Tamén nas redes sociais. No Facebook contamos con máis de 7.000 seareiros e en Instagram cuns 3.000. Estamos moi agradecidos a toda a xente que forma parte disto, porque sen eles non sería o mesmo.

Comentarios