A piscina municipal de Guitiriz terá un vaso infantil e máis zona verde

O Concello inviste 30.000 euros nas obras, que quere ter executadas de cara á apertura das instalacións, prevista para despois do San Xoán
A piscina municipal de Sete Muíños, en Guitiriz. ARQUIVO
photo_camera A piscina municipal de Sete Muíños, en Guitiriz. ARQUIVO

O Concello de Guitiriz ten todo ultimado para executar unha ampliación do recinto da piscina municipal de Sete Muíños, na que habilitará un vaso infantil e aumentará a zona verde.

O orzamento para acometer esta obra, para a que se aproveitará unha parcela anexa á actual zona delimitada na que se atopan os vestiarios e a lámina de agua, ascende a 30.000 euros, que se financiarán con cargo ao remanente de tesourería.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, precisou que a idea do equipo de goberno e executar estas obras canto antes, de maneira que poidan estar rematadas de cara ao inicio da tempada estival. Así, conforme aos prazos do ano pasado, a piscina municipal poríase en servizo logo das festas patronais do San Xoán.

A rexedora salientou que o novo vaso non superará os 50 centímetros de profundidade, tal e como marca a normativa, e precisou ademais que se ve necesario ampliar a zona verde na que se dispersan os usuarios da piscina.

O grupo de goberno leva este xoves ao pleno ordinario —ás 19.30 horas, telemático—, para a súa aprobación, un suplemento de crédito de 198.417 euros, que inclúe tanto a partida para custear o proxecto de mellora do contorno da piscina municipal dos Sete Muíños coma fondos para outras actuacións.

A maior partida, que representa ao redor da metade do importe do suplemento, destínase á reparación de estradas e de camiños, co fin de "complementar aquelas actuacións de pavimentado que se están a acometer a través do plan único e cubrir o máximo posible as necesidades que ten a rede de vías municipal", apuntan dende o Concello.

Consignaranse ademais 40.000 euros para o proxecto de reparación e mellora de elementos funcionais da Edar e 30.000 para completar o orzamento da renovación do saneamento das rúas Lagoa e Xermolos, que conta cunha subvención do Plan Hurbe da Xunta.

A corporación debaterá tamén no pleno unha modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por tramitar expedientes e expedir documentos e tres mocións. O PSOE defenderá unha sobre a situación dos centros de saúde de Guitiriz, mentres que o BNG abordará o proxecto eólico Pena Ombra e tamén pedirá o rexeitamento da nova proposta presentada por Adif para suprimir os pasos a nivel en Parga.

Comentarios