domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Pingas vermellas de solidariedade

Unidade móbil de doazón de sangue, este luns na Praza do carme das Pontes. C. ARIAS
Unidade móbil de doazón de sangue, este luns na Praza do carme das Pontes. C. ARIAS
Meira, cunha taxa de 51 doazóns por cada mil veciños, conta coa media máis alta da provincia de Lugo en 2020, aínda que o mellor rexistro é o das Pontes, cun índice de 65

Nun 2020 marcado polo covid, as doazóns de sangue volvéronse se cabe aínda máis importantes para permitir "o axeitado desenvolvemento do labor asistencial dos hospitais galegos", segundo destaca a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (Ados), que agradece aos doantes "o compromiso nestas especiais circunstancias". Para facelo posible é imprescindible o labor das unidades móbiles, xa que estas supoñen en torno ao 80% do total dunhas doazóns que en 2020 sumaron 104.637—o 47% nas sete grandes cidades—, con máis de 97.000 litros de sangue recollidos e case 7.000 de aférese.

Esta mostra de solidariedade da veciñanza é especialmente notoria en municipios coma Meira, que acadou as 90 doazóns, o que supón unha taxa de 51 por cada milleiro de habitantes —ten 1.748 veciños—, sendo o que tivo a maior participación na provincia. A cifra case duplica a taxa luguesa (24/1.000) e sitúase tamén por riba da media de Galicia (39/1.000).

Meira, malia rexistrar estatísticas inferiores a 2019, cando acadou os 117 doantes, contribúe significativamente ás 141 doazóns totais da comarca meirega. Aos seus 90 doantes súmanse 33 en Pol e 18 en Riotorto —a unidade móbil non viaxou a Ribeira de Piquín—, que supoñen unha taxa de 31/1.000, fronte á de 22/1.000 da veciña comarca chairega, resultado dun total de 856 doazóns, 214 menos ca en 2019.

Xermade, con 69 (39/1.000), non só lidera o ránking estatístico de participación dos concellos da Terra Chá, senón que tamén é o único da comarca no que aumentou a participación (52 en 2019), fronte ás caídas do resto. As cifras de Vilalba seguen sendo destacables, con 535 doazóns (38/1.000). En Guitiriz houbo 95, 65 en Cospeito, 37 en Castro de Rei, 23 na Pastoriza, 16 en Abadín, 15 en Begonte e unha en Muras.

Aínda que se hai uns números reseñables, eses son os das Pontes, onde en 2019 houbo 80 doazóns por cada mil veciños (809 en total) e en 2020, malia baixar, acadáronse as 65/1.000 (658). Padrón, con 100/1.000, é o concello coa taxa máis alta de Galicia, e A Coruña, con 44/1.000, a provincia con mellor media de participación nas campañas de doazón de sangue de Ados.

Pingas vermellas de solidariedade
Comentarios