Pinceladas de amizade

O auditorio municipal acolle unha exposición de pintura cun total de 69 cadros de Carmen Gómez Mato e Manolo Santalla
Carmen Gómez Mato e Manolo Santalla, na presentación da exposición. C.PÉREZ
photo_camera Carmen Gómez Mato e Manolo Santalla, na presentación da exposición. C.PÉREZ

A unión fai a forza. Esta é unha oración aplicable a moitas e moitas situacións, e tamén, porque non, a unha exposición de pintura. E non a unha calquera, xa que nesta ocasión dous vilalbeses teñen a oportunidade de amosarlle ao seu pobo toda a arte que levan nas veas.

Disto encárganse os 69 cadros que xa colgan nas paredes da sala de exposicións do auditorio municipal Carmen Estévez de Vilalba, onde estarán ata o día 30 de setembro, coas portas abertas no horario habitual do auditorio.

Do total de pezas, 35 son de Carmen Gómez Mato e 34 de Manolo Santalla, que se xuntaron na que ademais é a primeira vez do vilalbés sacando á luz as súas creacións. Carmen, en cambio, xa sabe o que é que as súas obras sexan vistas e comentadas por moreas de persoas, sendo este o cuarto evento desta índole que fai na súa vila natal.

"Compartir a miña gran paixón pola pintura co meu pobo e que poidan ver as miñas creacións de primeira man sempre é un gran orgullo", apunta a artista afeccionada sobre a oportunidade de ser unha das protagonistas desta mostra, que está organizada polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) coa colaboración do Concello de Vilalba.

Público na presentación da exposición. C.PÉREZ
Público na presentación da exposición. C.PÉREZ

Pola súa parte, a Manolo Santalla faille "moita ilusión" estrearse nunha exposición na súa vila, pero recoñece que tamén lle dá "un pouco de vergoña e de medo" que as súas obras sexan vistas por tantas persoas. "Ao final eu só son un afeccionado á pintura, pero se vai ben e as críticas son boas animareime a facer máis mostras e a crear novos cadros para elas", apunta o vilalbés.

Sobre que a exposición sexa conxunta, Santalla explica que era algo que xa tiñan "falado moitas veces", debido a que ambos son "amigos de toda a vida". E é que ata foron xuntos ao colexio "dende pequenos". "Carmen tíñame falado de expoñer moitas veces, pero eu sempre tentaba darlle largas. Esta vez, en cambio, acabei aceptando e asumindo o reto", indica o artista, ao que lle fai ilusión embarcarse nesta aventura "cunha amiga como ela".

Pezas

Os cadros presentados polos autores son diferentes entre si, o que dota de máis variedade a exposición, a pesar de que hai temas comúns nas obras dos dous, como pode ser o seu gusto por pintar paisaxes e escenas mariñas, moi presentes nas pezas que se amosan no auditorio vilalbés.

Un dos cadros da exposición, con temática mariña. C.PÉREZ
Un dos cadros da exposición, con temática mariña. C.PÉREZ

As 35 creacións de Carmen están feitas ao óleo, sobre lenzo ou sobre tablilla principalmente, contando cunha en cortiza. "Son de tipo costumista, de segadores, trens antigos, temas mariños, pastores con ovellas... Pinto cousas que me fan lembrar ou que me gustan, e fíxome moito nas cores e en xogar con elas", apunta a pintora afeccionada sobre a temática das súas pezas.

Ademais, nesta tamén van dous retratos, que tamén lle gustan moito. "Teño feito algunha só de retratos, e para que esta fose distinta quixen meter máis variedade", explica.

Nas súas 34 obras, Santalla, ademais de óleo, emprega acrílicos, usando para darlles forma pinceis e tamén espátula. Nestas, a temática principal son as paisaxes, e tamén hai algún bodegón. "Eu miro fotos ou láminas que me inspiran e que me gustan, e despois píntoas copiando o que estou vendo", indica.

"As paisaxes sempre foron o que máis me gustou pintar, e entón a miña obra, que é escasa, está en gran parte conformada por elas. Os bodegóns tamén me chaman a atención e por iso hai algún, e o tema mariño está moi presente porque é algo que me agrada de sempre", explica Santalla, agardando que a exposición sexa todo un éxito e as críticas sexan boas, para poñerse a crear novos cadros e a ampliar a así a cantidade e a variedade das súas obras.

Comentarios