Piden o Día das Letras Galegas para Crecente Vega no seu 125 aniversario

Unha comisión con varios colectivos inicia no seu Castro de Rei natal unha campaña de apoio
Mario Crecente, Francisco Balado, Regina Polín e Felipe Arias. EP.
photo_camera Mario Crecente, Francisco Balado, Regina Polín e Felipe Arias. EP.

Unha comisión formada por varios colectivos e estudosos da obra de Xosé Crecente Vega inicia no seu Castro de Rei natal unha campaña para solicitar á Real Academia Galega (RAG) que dedique o Días das Letras Galegas de 2021 ao poeta da Ponte de Outeiro, coincidindo co 125 aniversario do seu nacemento.

Varios membros da comisión (o arquitecto e parente do escritor Mario Crecente, Regina Polín e Felipe Arias) reuníronse co rexedor de Castro de Rei, Francisco Balado, para presentarlle as iniciativas que se están a impulsar co obxectivo de pór en valor a figura e o legado do poeta.

Durante o encontro, o rexedor de Castro de Rei comprometeu o apoio do Concello para a publicación do libro O mundo nun puño de remol (poesía póstuma), unha obra inédita de Crecente Vega, e mostrou o seu apoio a "un merecido recoñecemento" para o autor coa dedicación da próxima edición do Día das Letras Galegas.

"Foi un punto de partida para iniciar unha campaña para tratar de facerlle un recoñecemento especial a Crecente Vega", expresou o rexedor, que asegurou que o Concello "estará á total disposición" para da candidatura. "O Concello como institución ten que ser o primeiro", indicou Balado, e subliñou que o Día das Letras Galegas, ademais de ser "o maior recoñecemento ao que pode aspirar un escritor" tamén é "importantísimo" para o municipio e para poñer en valor o eido cultural.

Trala reunión, fíxoselle entrega ao Concello dun facsímile de Codeseira, obra de referencia de Crecente Vega, e a comisión informou de que xa ten abertas páxinas en Instagram, Twitter e Facebook.

"Sorprende que non fora homenaxeado xa. Crecente Vega é un escritor moi recoñecido, cunha obra non moi extensa pero moi importante", din dende a comisión que leva o seu nome e involucra a colectivos como Xermolos, Xotramu, Aquilino Iglesia Alvariño, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Amigos do Castro de Viladonga, a Diócese de Mondoñedo e a estudosos e escritores como Félix Villares, Xosé Otero Canto, Xulio Xiz ou Ricardo Polín.

O poeta virxiliano da Terra Chá

Crecente Vega, escritor e profesor, naceu na Ponte de Outeiro en 1896 e morreu en Segovia en 1948. Pasaron 50 anos para que os seus restos regresasen.

Obra
 Codeseira foi publicada en 1933 e en 2002 Ricardo Polín recolleu en Folla Bricia parte da súa obra inédita. Din que era o poeta virxiliano da Terra Chá e que nos seus poemas destaca "un aire ecoloxista e a devoción polos clásicos".

Recoñecementos
Dá nome a unha rúa e á biblioteca de Castro de Rei. E a súa figura comparte protagonismo con Manuel Becerra nun libro de Manuel Vila e Xosé Antón Pombo.

Comentarios