Perfecto Conde: "Non imaxino descubrir un Oubiña ou un Charlín chairego"

O escritor natural da Pontenova vén de presentar o seu libro na casa da cultura de Vilalba, unha reimpresión da obra orixinal datada de 1991 e que serviu de fonte de inspiración para os posteriores autores que falaron do narcotráfico galego.

Perfecto Conde. S.IGLESIA
photo_camera Perfecto Conde. S.IGLESIA

Unha traxectoria tan dilatada como intensa levou ao xornalista e escritor Perfecto Conde (A Pontenova, 1943) por decenas de xornais e revistas nacionais e internacionais. Todo iso invitouno a comprender máis polo miúdo o universo do narcotráfico galego, que tan ben plasmou na obra La conexión gallega, del tabaco a la cocaína.

Vén de presentar o libro na casa da cultura de Vilalba. Que supuxo facelo na capital chairega?
Unha satisfacción grazas ao meu amigo Moncho Paz, que artellou esta presentación. Vilalba sempre foi para min un entrañable lugar de paso no que me atopei moi a gusto. Un gran amigo meu, Ramón Chao, falábame de Vilalba, en París no ano 1969, e Manuel Fraga gaboume a súa vila anos despois. E así moitos outros. 

Os lectores descubrirán algo novo sobre o tráfico de drogas ou xa se escribiu todo sobre el?
Nin se escribiu todo nunca, nin se rematará de facelo. É un fenómeno social que sempre presentará facianas novas. Non se me escapa que o meu libro aportou no seu momento importantes novidades que permitiron comprender mellor o fenómeno e aínda que pasaron máis de 27 anos, o libro conserva a frescura que lle dá valor actual. A proba está en que todos os autores que se achegaron ao tema pasaron polas súas páxinas e beberon das súas fontes.

E se lle tocara escribilo agora, cambiaría algo?
Cambiar, cambiar, nada. O que faría é actualizar, ampliar e complementar coa inclusión dos personaxes, circunstancias, métodos de traballo e organización actuais. Aínda está por aparecer o libro que interprete ben este fenómeno dende a actualidade. Nacho Carretero fixo un meritorio traballo, Manuel Rivas unha boa aproximación literaria, Felipe Suárez ou Benito Leiro tamén aportaron libros fundamentais, pero onde está o noso John Dickie? Por que a investigación universitaria pasa tanto do tema do narcotráfico?

"Este libro estivo á venda en Amazon USA, hai un ano, por 11.279 euros. E debeu de vendelo, porque a oferta desapareceu"

Precisamente, foi publicado en 1991, pero que levou a reimprimilo en 2018?
A idea de resucitar unha fonte de documentación que xa non estaba ao alcance dos lectores correntes. Tanto o editor, Ramón Akal, como eu tivemos en conta a oportunidade que nos brindaba a onda expansiva do libro de Nacho Carretero e a conseguinte versión televisiva de Fariña. Coido que acertamos: a primeira reedición esgotouse en pouco máis dun mes e agora estase vendendo a segunda.

Había webs nas que o seu libro se vendía por 500 euros. Tivo algo que ver ese boom de Fariña?
E por moito máis. ErgodeBooks tívoo a venda en Amazon USA, hai un ano, pedindo 11.279 euros por un exemplar. E debeu de vendelo porque, meses despois, desapareceu a súa oferta. Esta oferta foi anterior ao boom de Fariña.

Naceu na Pontenova, un concello afastado, aparentemente, do narcotráfico galego. Por que se interesou por este tema?
Durante seis anos traballei en El País e, durante 19, en Interviú. Alí publicaba abundantes reportaxes e artigos sobre o tema con información de Galicia e de diversos países de América, Europa e África. Chegou un momento no que me decatei de que podía escribir un libro só dos descartes que me quedaban das reportaxes. Héctor Chimirri, que daquela codirixía Ediciones B, animoume.

"A narcoeconomía dispón de experiencia cualificada que lle axuda a esconder as negras orixes do capital que move diariamente"

Cre que aparecerían nomes chairegos se desgranamos a rede de narcotráfico? 
O narcotráfico é un fenómeno tan estendido que sería difícil atopar un lugar no que a súa arañeira non teña cravada algunha punta. De aí a dicir que nos sorprenderiamos atopando en Vilalba un sucedáneo de Corleone hai unha longa distancia. Non me imaxino descubrindo un Laureano Oubiña ou un Charlín chairegos.

Hai unha semana aparecía un modelo de branqueo de capitais a través de plantacións en Muras e As Pontes. É unha idea copiada ou é inxenio dos narcos galegos?
Coido que se trata da aplicación metodolóxica do branqueo adaptado ás circunstancias galegas. A narcoeconomía dispón de experiencia cualificada que lle axuda a esconder, con éxito ou con fracaso, as negras orixes do capital que move diariamente. Como se ten demostrado, andaron e andan metidos moitos bancos, despachos de avogados, economistas, investidores, políticos... 

Está cambiando o mapa das redes cara á zona norte?
Parece que si, pero aínda é pouco o que se sabe. A ría de Arousa segue sendo unha área fundamental no desenvolvemento do negocio, pero hai moitos anos xa que nas zonas de Fisterra, Noia, Ortegal ou a Mariña luguesa empezaron a encenderse luces vermellas do mapa do narcotráfico.

"Pola conta que lles ten, agora os capos son máis discretos. Non é doado atopar un Sito Miñanco facéndolle ruxir a un Ferrari por Cambados"

E está mudando a maneira de actuar dos grandes capos? Son máis discretos?
É moito o que mudou o comportamento dos capos en Galicia. Xa non son habituais aquelas exhibicións de poderío que caracterizaron os anos oitenta e noventa. Hoxe non se podería dicir de Vilagarcía ou Vilanova de Arousa que son as Vilagarcía ou Vilanova dos Mercedes, nin resulta doado atoparse con un novo Sito Miñanco facéndolle ruxir a un Ferrari ou a un Maserati atravesando a praza de Fefiñáns en Cambados. Pola conta que lles ten, agora son máis discretos e levan con maior disimulo as súas vidas.

Chegarán a ser legais?
Os narcotraficantes e o narcotráfico nunca deberán ser legais. Non o defendemos nin os que, dende hai varias décadas, reclamamos a legalización do consumo e distribución de certas drogas. O que nunca pode ser lícito nin legal é o aproveitamento especulativo e ultraliberal do negocio das drogas, do que se derivan corrupción, intervencionismo político e militar, atentados contra a saúde, criminalismo e un longo etcétera.

"O que me gustaría ser é fillo de Amancio Ortega facendo de Kapuscinsky polo mundo"
Se tivese que quedarse cun libro?
Con Cien años de soledad.
E cun autor?
Con Miguel de Cervantes.
Gastaría 500 euros nun libro?
Claro que si. De feito, 500 euros non, pero algo que se lle aproxima xa o teño pagado.
Series como Fariña, Narcos ou El Chapo branquean a imaxe do narco?
Penso que non, pero pode que se caera algo na banalización.
Fariña de Carretero ou a de Antena 3?
Coas dúas. Non poderían existir unha sen a outra.
Que lle chamou máis a atención ao escribir La conexión gallega?
Terito. Puiden tratalo e pareceume un personaxe viscontiano.
Foi dos primeiros en publicar algo do tema. É un precursor?
Algo si, pero non tanto coma Antón Faraldo, Aurelio Aguirre ou Eduardo Pondal.
Traballou en varios medios de comunicación e no gabinete de prensa do Concello de Ferrol. Tivo que cambiar o chip?
Bastante. Como pasar de gran larpeiro a cociñeiro dun seminario.
Se non se adicara ao xornalismo, que sería?
Médico, o que querían meus pais que fose, pero traizoeinos. Aínda que a min o que me gustaría ser é fillo de Amancio Ortega para dilapidar a fortuna facendo de Kapuscinski rico polo mundo adiante.

Comentarios