Pérez Santalla: "Os pobos de colonización fálannos da solidariedade da Terra Chá e das súas xentes"

A asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María concederanlle ao escritor, coach, conferenciante e profesor na Escola de Relacións Laborais da Coruña Iago Pérez Santalla o título de Chairego de Honra 2019 o sábado, ás 12.00 horas, na casa da cultura de Vilalba

Naceu en Vilaxuste, en Portomarín, pero un anaquiño do corazón de Iago Pérez Santalla, doutor en Humanidades e Servizos Culturais, está na Terra Chá, "esa matria poética que me permite coller azos cara ao mañá". Unha querencia que, xunto co seu dilatado labor ao redor de dous eixos fundamentais, o desenvolvemento persoal e a inclusión social, o fan merecente de ser recoñecido como Chairego de Honra, un acto ao que non faltarán a súa "familia e a tribo de Xermolos". 

Iago Pérez Santalla. ALEXANDRA DMITRIEVAComo o fai sentir o título? 
Ledo, emocionado, abraiado e agradecido, ao ser agasallado polos meus referentes de cabeceira. Ser Chairego de Honra marca de xeito fundamental o meu 2019. 

Que relación garda coa Chaira? 
Eu diría que é unha relación fraterna e poética. Estas dúas características tecen un fondo vínculo emocional que fai que conte por apertas as miñas estancias na Chaira. Fágoche unha confesión? Para min un dos días máis importantes do ano é o 8 de setembro: o cabodano do Manuel María. Un día cheo de emocións que me anova as forzas do corazón. 

E como chairego de adopción, que destacaría desta comarca? 
A forza telúrica de Pena de Rodas e os pobos de colonización como Matodoso ou O Arneiro que nos falan da solidariedade da Chá e das súas xentes con quen viña a empezar de novo despois de ver asolagar a propia historia. 

Alfonso Blanco é... 
A verba total que nos leva cara o porvir. Un construtor de soños capaz de xuntar á xente a prol dun obxectivo e de tecer entre ela o magnetismo necesario para que perdure. Despois pasa o tempo e, de súpeto, Pardiñas canta as 40! 

A súa é unha historia de superación, que metas lle quedan aínda por alcanzar? 
Agardo que moitas, porque vivir é camiñar sempre, gozar e aprender de cada paso. Para min a vida é crecemento, coñecer xente nova e estar atento ás oportunidades. Quizais a miña principal meta é un longo camiño cheo de ledicias e aprendizaxes, como nos ensinou Kavafis. Gústame máis sumarme a metas colectivas, fanme sentir máis preto da humanidade.

E cal foi a principal traba? 
As conciencias pechadas que lle viran as costas á diversidade. Preocúpanme moito máis os bordos das conciencias que os das beirarrúas. Os segundos son sinxelos de varrer. Os primeiros requiren de educación para achegarnos ao descoñecido e tecer pontes de convivencia. É imprescindible dialogar sen límite, abrir horizontes de diversidade fronte á planicie da homoxeneidade… 

Preocúpanme moito máis os bordos das conciencias que os das beirarrúas, os segundos son sinxelos de varrer

Fálase moito de inclusión, é unha realidade ou queda por facer? 
É un longo camiño con moitos horizontes que, pouco a pouco, se vai materializando. A inclusión é un proceso histórico con vaivéns impulsado por unha loita interxeracional. Conseguíronse grandes cousas: dereito á educación pública, ao ocio, á sanidade, emprego… pero é preciso, por un lado, estar alerta ante posibles retrocesos e polo outro tomar como referentes aos países máis avanzados non só no tocante á inclusión senón tamén aos servizos sociais… 

Que é a teoría o ilímite? 
Un xeito de valorar ás persoas polo que son, impulsándoas a construír libremente aquilo que queren chegar a ser. Unha forma de autorrealizarse na vida dende a propia identidade. O ilímite é un convite a valorar o mellor de cada persoa fronte a unha sociedade que teima en medirnos polo déficit. 

Exerce de coach, que tenta transmitirlle á xente? 
Pois sobre todo vontade para que, como persoas, non permitamos que ninguén nos diga «ti non podes ». O que quere pode e chegar costa pero, se amas aquilo que fas, a meta sempre pagará a pena. 

Un referente persoal? 
O querido Manuel Rivero. O meu irmán maior co quen vivín grandes momentos. Considerámonos irmáns e abofé que exercemos! 

Un proxecto pendente? 
Escribir e volver a facer teatro.

Comentarios