Peregrinación ao pasado

O vilalbés Manuel Rubiños Ferreiro presenta este venres en Vilalba a súa primeira novela, editada polo Iescha. A obra, non exenta de sorpresas, relata a chegada a Santa María de Montenegro dun peregrino medieval

Manuel Ferreiro, coa súa novela. C.P.
photo_camera Manuel Ferreiro, coa súa novela. C.P.

"CANDO AS PEDRAS falaban e as estrelas guiaban aos camiñantes, os camiños, as corredoiras e os carreiros era algo máis có chan que pisaban". Así comeza a primeira novela do vilalbés Manuel Rubiños Ferreiro. Un debut literario no que conflúen o gusto do autor polas lendas, pola época medieval e pola historia local.

... de cando as pedras falaban recolle o camiñar vital e físico de Xoán, un peregrino medieval, coincidindo coa súa chegada a Vilalba, daquela Santa María de Montenegro, onde pasa unha tarde e unha noite. "A historia desenvólvese en dúas igrexas, un cemiterio e un castro semiabandonado", explica o autor, que asina como Manuel Ferreiro.

Unha meiga, un druída, un cego ou uns señores "de soga e coitelo" vanse atopando co protagonista no seu devir, no que bate "con personaxes que son o demo en campaña, como se soe dicir, e outros moi bos", explica o escritor, que lembra que xa hai anos escribira unha lenda sobre este mesmo tema, da que agora parte esta novela de case 200 páxinas.

"De cativo xa me gustaban moito os libros de historia, divertíame lendo e quedábaseme fácil", di. Poida que estivese predestinado a mirar cara ao pasado, pois naceu hai 56 anos nunha das rúas máis emblemáticas e con máis tradición da capital chairega, Porta de Cima, e leva máis de tres décadas, dende os 23 anos, traballando no Parador de Vilalba.

Así é que a historia medieval ou as lendas da época son case coma o pan de cada día para Manuel, a quen é habitual ver recitando o conxuro da queimada vestido de monxe templario ou exercendo de guía, habitualmente caracterizado para a ocasión, nas visitas da Torre dos Andrade. E hai un tempo, mesmo se transformou no conde Nuño Freire O Mao para representar ante os alumnos do Ceip Insua Bermúdez o conto que el mesmo escribiu para a biblioteca do centro. Ademais, colabora en citas coma a Tasca do Liño de Insua -as mulleres da asociación San Bartolomeu estanlle a confeccionar un novo traxe para as súas representacións- ou a Feira Indiana de Santaballa.

É nesta parroquia vilalbesa onde achou a inspiración para outro proxecto que xa ten rematado, unha obra de teatro, "que espero que alguén se anime a representar ou a publicar", que leva por título O fusil do santaballés. E non é o único que lle anda na cabeza, pois xa ten título buscado para outras futuras obras. A campá dos mortos ou O segredo de Montegro, son ideas que bolen no seu maxín, non para continuar co relato de Xoán, pero si para afondar na historia vilalbesa.

PRESENTACIÓN. ...de cando as pedras falaban presentarase este venres, ás 20.30 horas, na casa da cultura de Vilalba, nun acto promovido polo Iescha que contara coa presenza do autor e da presidenta da entidade, Marisa Barreiro. Tamén estarán o camiñante por excelencia de Vilalba, Ángel Campos, que se aproxima á súa trixésima compostelana, e Chema Felpeto, responsable da corrección do libro.

Esta publicación correspóndese co volume número 26 da Biblioteca Chairega do Iescha e edítase no marco do convenio suscrito entre a entidade vilalbesa e a área de cultura da Deputación de Lugo para o ano 2017.

Comentarios